Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 15 ao 17 de xullo.

Luns, 18 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Detención de condutor por negativa a realizar probas de alcoholemia e atentado a axentes da autoridade

Sobre as 18:45 horas do día 15 de xullo unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detecta a circulación irregular dun vehículo pola Avenida Fontiñas, xa que daba volantazos perigosos para o resto de vehículos.

Os axentes danlle o “alto” e observan que o condutor presenta signos de evidentes de acharse baixo os efectos de bebidas alcohólicas, xa que a súa fala era moi pastosa, despedía un forte cheiro a alcol, tiña unha descoordinación nos seus movementos e a súa actitude era despectiva e ameazante cara aos policías.

Solicítanlle a documentación e manifesta que non a tiña no seu poder, sendo requirido para efectuar unha proba de alcoholemia nun etilómetro de aproximación, lanzando un resultado POSITIVO de 0,81 mg/l, polo que é trasladado á Unidade de Atestados do Corpo onde se lle somete ás probas regulamentarias nun etilómetro evidencial, proferindo insultos e ameazas graves cara aos axentes, dando un forte lapote ao etilómetro que estivo a piques de lanzar ao chan, NEGÁNDOSE a realizar as probas establecidas e, nun momento determinado, tenta agredir con violencia a un dos axentes que o custodiaba, evitando este a agresión e procedendo á súa inmobilización e detención, instruíndose dilixencias polos delitos de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas, negarse a realizar as probas de alcoholemia, desobediencia e resistencia grave e atentado a axentes da autoridade no exercicio das súas funcións, sendo o vehículo trasladado polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal onde queda inmobilizado.

Filtros de seguridade viaria

Durante as noites do venres e o sábado efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, co apoio da Unidade de Atestados do Corpo, estableceron diversos filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano, detectando na Rolda da Muralla un condutor novel que presentaba signos de inxerir bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia, lanzando un resultado POSITIVO de 0,23 mg/l (a taxa máxima para un condutor novel é de 0,15 mg/l), abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Así mesmo detectáronse infraccións como conducir con permiso caducado (procédese á intervención); carecer de SOA; non presentar o vehículo a ITV no prazo debido; circular cun vehículo quedando inhabilitado para iso por ser a ITV desfavorable, etc.

Na madrugada do día 17 de xullo, na contorna da rúa Doutor Fleming estableceuse un dispositivo de seguridade, realizándose varias probas de alcoholemia, detectando un condutor que presentaba signos de embriaguez, lanzando un resultado POSITIVO de 0,62 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución, inmobilizándose o vehículo.

Así mesmo detéctase na rúa Serra de Meira a condución irregular dun vehículo, observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,52 mg/l, instruíndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución, inmobilizándose o vehículo.

Noticias relacionadas