Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Venres, 17 de xaneiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Intervención con arma branca

Á 1:15 horas do martes, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno que realizaba unha patrulla preventiva pola Avda. de Garabolos observa un vehículo estacionado, co motor en marcha e unha persoa no posto de condución, que permanece no lugar máis de cinco minutos. Por este motivo, aproxímanse ao mesmo para comprobar se o condutor precisa algún tipo de axuda. Ao contactar co home, os axentes verifican que se amosa nervioso, cunha actitude sospeitosa, e manifesta que xa tivera algún problema coa Policía por tráfico de drogas (o cal puido ser corroborado nas bases de datos policiais). Por este motivo, os axentes realizan un cacheo superficial ao individuo e un rexistro do vehículo, atopando unha navalla en poder do suxeito, que lle é intervida.

Auxilio a unha cidadá

Ás 1:45 horas do martes, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno prestou auxilio a unha muller de 88 anos que caera no seu domicilio e non era capaz de levantarse coa axuda do seu marido. Os axentes prestáronlle a asistencia necesaria para regresar á cama, xa que non precisaba atención médica.

Detención por requisitoria xudicial

Ás 3:25 horas do martes, a Sala do 092 recibe unha solicitude de colaboración do Servizo 061 para atender unha muller en estado ebrio. Ao chegar os axentes, observan que unha muller entra nun local de ocio nocturno, sendo informados polos efectivos médicos de que se trataba da persoa que estaban atendendo. Os axentes comproban que se pechara no baño do establecemento, saíndo ante os reiterados requirimentos policiais. Nese momento colle unha botella de cristal, fai ademán de rompela contra a barra e realiza o xesto de cortarse o pescozo. Os axentes suxéitana para evitar que se autolesione e trasládanlle ao HULA.

Verifícase que figura nas bases de datos policiais unha requisitoria dun Xulgado de Oviedo para proceder á súa detención, polo que se leva a cabo. Tras ser valorada polo Servizo de Psiquiatría, é trasladada ás dependencias policiais, onde permanecerá custodiada ata o seu traslado ao xulgado requirente.

Recuperación dun animal

Durante a mañá do mércores, os axentes da Policía de Barrio trasladáronse a unha finca da rúa Margarita tras un aviso dun can abandonado. Os axentes localizaron ao animal, comprobando que aparentemente estaba en bo estado, con auga e comida. Contactaron tamén coa persoa que se identificou como propietaria, quen manifestou que non tiña o tempo suficiente para atendelo e estaba disposto a cedelo para adopción. O Servizo de Lacería fíxose cargo do animal de forma provisional para o seu traslado ás instalacións da Protectora de Animais.

Presuntos actos de acoso

Durante a tarde do mércores, a Sala do 092 recibiu unha chamada dunha muller que quería denunciar a actitude de acecho e acoso dun home, tanto no seu lugar de traballo como no seu domicilio. A muller, que se atopaba na súa vivenda, indicou que o home estaba no exterior, proporcionando a súa descrición física.

Un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio acudiu ao lugar e localizou ao home, quen portaba un teléfono móbil orientado cara á vivenda da muller. Durante a interacción, os axentes comprobaron que o home estaba visionando vídeos de carácter sexual no dispositivo móbil, sendo requirido a finalizar a reprodución. Voluntariamente mostrou a galería de fotografías do seu teléfono, onde os axentes comprobaron que realizara algunhas imaxes do balcón da vivenda da denunciante.

A muller informou que o home visitaba habitualmente o seu lugar de traballo para realizar compras, pero que nunca intentara establecer contacto persoal con ela. Porén, ese día chamara ao timbre do seu domicilio, polo que decidiu requirir a presenza policial para formalizar a denuncia.

O home foi identificado e abandonou o lugar voluntariamente.

Noticias relacionadas