
Intervencións da Policía Local de Lugo en defensa do benestar animal
Durante esta semana, a Policía Local de Lugo interveu en dúas situacións que requiriron a aplicación da normativa de protección e benestar dos animais de compaña en Galicia, concretamente a Lei 4/2017, do 3 de outubro, co fin de preservar a seguridade da cidadanía e garantir o trato axeitado aos animais.
Cesión ilegal de cachorros na vía pública (foto)
Axentes da Policía Local de Lugo, de servizo no recinto do Parque da Milagrosa, foron alertados da presenza dun home que, presuntamente, estaba a regalar ou vender cachorros de can en plena vía pública. Á súa chegada, os axentes localizaron ao individuo con dous cachorros dentro dunha caixa de plástico, acompañados dun cartel que convidaba aos transeúntes a “coller” libremente os animais no caso de non estar el presente.
O implicado recoñeceu ter traído os cachorros coa intención de regalalos, pero varios testemuños aseguraron que se produciron intercambios de diñeiro polos animais. Estas condutas supoñen unha infracción do artigo 13.2 da Lei 4/2017, que prohíbe expresamente a cesión ambulante de animais por parte de particulares, unha actividade reservada unicamente a establecementos debidamente autorizados. A actuación culminou coa recollida dos animais por parte do servizo da Protectora de Animais, tras a cesión voluntaria do responsable e formulación da correspondente acta-denuncia.
Mordedura en vía pública: falta de control sobre o animal
Nunha segunda intervención, a Policía Local acudiu ao lugar onde un varón fora mordido por un can durante un paseo. Tras identificar aos implicados e asistir ao ferido, os axentes verificaron que o can agresor se atopaba visiblemente alterado e que non se mantiña o nivel de control axeitado por parte do seu responsable, o que podería ter propiciado o ataque.
Aínda que o animal contaba con chip identificativo e o correspondente seguro, os axentes requiriron unha valoración veterinaria urxente, tanto por prevención sanitaria como polo benestar do propio animal. Ademais, informouse á propietaria de que sería sancionada conforme ao artigo 40.k) da Lei 4/2017, por “non adoptar as medidas necesarias para impedir que o animal poida acceder libremente ás vías ou espazos públicos ou privados, así como non impedir o acceso libre do animal a outros animais ou o contacto sen permiso con persoas ou cousas, e así mesmo non impedir a entrada do animal en recintos ou lugares non autorizados”, unha infracción tipificada como leve, con posibles sancións de ata 500 euros.
Desobediencia a axentes da autoridade
Na mañá de onte unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo sorprendeu no contorno do HULA a unha persoa realizando a actividade ilegal de aparcacoches, ocupando a calzada co conseguinte risco para a súa integridade e para o resto de usuarios, causando molestias aos condutores, sendo identificado e denunciado ao amparo da Ordenanza de Circulación, ordenándolle que cesase na súa conduta, o que inicialmente fai.
Momentos despois é novamente sorprendido realizando tales actividades, levantándose acta de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá por desobediencia aos axentes da autoridade e proposto para sanción que pode chegar no seu grao mínimo ata 10.400 euros e no seu grao máximo ata 30.000 euros.
Axuda humanitaria
Unha patrulla da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a unha vivenda dunha parroquia próxima á cidade, xa que o servizo de teleasistencia informaba que unha usuaria activara o “botón de chamada” e non se podía contactar con ela, puidéndolle pasar algo grave.
Os axentes persóanse de inmediato no lugar, comprobando que non reciben resposta ás chamadas, polo que acceden ao interior da casa, non localizando a ninguén no seu interior.
Realizadas as pescudas oportunas, os axentes localizan a esta persoa, de 87 anos de idade, na Praza de Abastos desta cidade, en compaña dunha familiar e en perfecto estado, manifestando que posiblemente activase o “botón de teleasistencia” accidentalmente, informando os axentes ao servizo correspondente.

