Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Servizos viarios destacados durante a fin de semana do 11 ao 13 de abril/25.

Martes, 15 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

A Policía Local segue a vixiar por unha mobilidade máis segura en Lugo

Durante esta fin de semana, a Policía Local de Lugo continuou coa súa vixilancia preventiva en materia de tráfico e condución baixo os efectos do alcohol e as drogas. Estas actuacións, realizadas de forma rutinaria pero coordinada, teñen como único obxectivo garantir unha mobilidade segura para todos os usuarios da vía.

Condución baixo os efectos do alcohol (ámbito administrativo):

Tramitáronse 8 denuncias por conducir cunha taxa de alcohol inferior a 0,50 mg/l, todas elas sancionadas con 500 € e a retirada de 4 puntos do carné. As taxas rexistradas oscilaron entre 0,30 e 0,47 mg/l. Ademais, rexistrouse 1 caso cunha taxa superior a 0,50 mg/l (0,57 mg/l), cunha sanción de 1.000 € e perda de 6 puntos.

Condución baixo a influencia de substancias estupefacientes:

Realizáronse 2 intervencións por presenza de drogas no organismo, con resultados positivos en substancias como cocaína, metanfetamina, opiáceos e anfetaminas, con sancións de 1.000 € e retirada de 6 puntos por cada caso. Cómpre destacar especialmente unha das intervencións, onde o condutor implicado deu positivo simultaneamente en tres tipos de drogas diferentes: cocaína, opiáceos e anfetaminas. Unha combinación altamente perigosa que compromete gravemente a súa capacidade de condución e a seguridade de todos os usuarios das vías.

Condución de bicicleta baixo os efectos do alcohol:

Practicouse a proba de alcoholemia a un ciclista que circulaba pola cidade, obtendo resultados de 0,47 e 0,49 mg/l en aire expirado, o que supón unha infracción administrativa conforme á normativa de tráfico vixente. Este caso lembra que os condutores de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal (VMP), ao igual que calquera outro condutor dun vehículo, están obrigados legalmente a someterse ás probas de alcohol e drogas cando así o requiran os axentes da autoridade. Máis alá da norma, é fundamental ter en conta que circular en bicicleta baixo os efectos do alcohol compromete seriamente a seguridade propia e a do resto de usuarios, especialmente en contornas urbanas onde a interacción con peóns e vehículos é constante. Unha manobra errónea ou unha reacción lenta poden ter consecuencias graves. Dende a Policía Local de Lugo insístese na necesidade de practicar unha mobilidade segura e responsable, tamén sobre dúas rodas.

Colisión múltiple por distracción ao volante:

Os axentes interviñeron nunha colisión múltiple provocada presuntamente polo uso do teléfono móbil durante a condución. O condutor do vehículo causante, un turismo de alta gama, admitiu ter perdido a atención ao volante por manipular o seu dispositivo, o que provocou o desprazamento lateral do seu coche que impactou contra catro vehículos estacionados. O condutor foi sometido á proba de alcoholemia con resultado de 0,49 e 0,47 mg/l, polo que se instruíron dilixencias como investigado non detido por un presunto delito contra a seguridade viaria. Esta actuación enmárcase nas directrices establecidas pola Fiscalía de Seguridade Viaria, que considera que, en casos de accidentes de tráfico con resultado de danos e unha taxa de alcohol en aire expirado igual ou superior a 0,40 mg/l, onde pode apreciarse que a taxa do alcohol na condución ten como resultado un accidente, xustifica a instrución de dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria. Este enfoque xurídico busca reforzar a seguridade viaria e subliña que, mesmo con taxas de alcoholemia que non superan o limiar penal de 0,60 mg/l, se se produce un accidente, as autoridades poden considerar que o alcohol influíu na condución, coas correspondentes consecuencias penais. Dende a Policía Local de Lugo, lémbrase á cidadanía a importancia de evitar calquera consumo de alcohol se se vai conducir, xa que mesmo niveis baixos afectan á capacidade de reacción e atención ao volante, aumentando o risco de accidentes.

A Policía Local de Lugo lembra que esta vixilancia manterase de forma continua, traballando por unha cidade máis segura; conducir baixo os efectos do alcohol ou as drogas, distraerse co teléfono móbil ou ignorar as normas básicas de circulación pon en risco vidas, comezando pola do propio condutor.

Alcohol con taxa inferior a 0,50 mg/l

  • Total: 8 denuncias
  • Sanción: 500 € e retirada de 4 puntos
  • Taxas rexistradas: 0,30 / 0,32 / 0,39 / 0,47 / 0,40 / 0,47 / 0,34 / 0,34 mg/l

Alcohol con taxa superior a 0,50 mg/l

  • Total: 1 denuncia
  • Sanción: 1.000 € e retirada de 6 puntos (agás VMP)
  • Taxas rexistradas: 0,57 mg/l

Presenza de drogas no organismo

  • Total: 2 denuncias
  • Sanción: 1.000 € e 6 puntos
  • Casos:
    • COC + MET
    • COC + OPI + AMP

Asistencia social e atención a persoas en situación de vulnerabilidade

Durante a pasada fin de semana, a Policía Local de Lugo levou a cabo diversas intervencións asistenciais nas que a rápida actuación dos axentes resultou clave para atender a persoas en situacións de emerxencia. Estas actuacións reforzan o papel da Policía Local como un corpo próximo, resolutivo e ao servizo da cidadanía en momentos especialmente delicados.

  • Muller con convulsións dentro dun vehículo. Sobre as 02:50 h, unha patrulla que circulaba pola zona centro da cidade detectou un turismo detido coas luces de emerxencia activadas e a alarma soando de forma intermitente. Ao achegarse, os axentes observaron que no interior do vehículo se atopaba unha muller deitada nos asentos traseiros, sufrindo convulsións. Tras comprobar que a afectada non podía abrir a porta polos seus propios medios, e ante a gravidade da situación, os axentes romperon o vidro do condutor para acceder e prestarlle axuda inmediata. En paralelo, solicitouse asistencia sanitaria urxente, sendo trasladada ao Hospital Universitario Lucus Augusti por unha ambulancia medicalizada. Os axentes encargáronse tamén de asegurar o vehículo e as pertenzas persoais da afectada.
  • Auxilio a persoa con mobilidade reducida no seu domicilio. Noutro servizo, os axentes acudiron a un domicilio onde un home con mobilidade reducida caera ao chan e a súa esposa, que se atopaba soa, non o podía axudar a incorporarse. Tras valorar a situación e comprobar que o home non presentaba lesións, os axentes procederon a asistilo de forma segura, logrando sentalo novamente na súa cadeira de rodas. Unha actuación que, anque sinxela, marca a diferenza para quen nese momento necesita apoio humano, especialmente en situacións de vulnerabilidade.

Estas intervencións reflicten o espírito de servizo da Policía Local de Lugo: coidar, protexer e auxiliar en calquera circunstancia, non só en materia de seguridade, senón tamén cando a vida cotiá presenta imprevistos que requiren apoio inmediato.

Noticias relacionadas