
Durante a pasada fin de semana, a Policía Local de Lugo intensificou os controis sobre establecementos abertos ao público e o seguimento de diversas situacións relacionadas coa seguridade cidadá, no seu compromiso coa garantía da convivencia, a protección veciñal e o cumprimento da normativa vixente.
Control de locais: incumprimentos reiterados que afectan á convivencia
Tramitáronse diferentes denuncias tras as inspeccións a varios establecementos de hostalería que presentaban irregularidades relevantes:
- Un local foi sorprendido aberto fose do horario permitido, contravindo o artigo a Lei 10/2017 de Espectáculos Públicos de Galicia.
- Noutro caso, detectouse exceso de aforo e a permisividade dos responsables de saír con vasos os clientes ao exterior, incumprindo o disposto na mesma Lei e na Ordenanza municipal. Estas prácticas supoñen un risco para a seguridade e alteran o descanso veciñal.
- Dous establecementos carecían de autorización para reproducir música, en vulneración da Ordenanza de Protección Ambiental.
- Denunciouse a ausencia de cartelería obrigatoria de información ao consumidor, segundo a Lei 10/2017, así como un caso de consumo de tabaco no interior dun local, prohibido pola Lei 28/2005 de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo.
Caso de recuperación dun móbil subtraído: cooperación e resolución inmediata
Durante a fin de semana, axentes da Policía Local de Lugo interviñeron con éxito na recuperación dun teléfono móbil subtraído tras ser alertados pola parella da propietaria. Grazas á rápida actuación policial, localizouse o dispositivo en poder dun home que acababa de compralo por 5 euros. Leste indicou que o adquiría momentos antes no interior da estación de autobuses, sinalando ao suposto vendedor, quen recoñeceu que o atopaba e que, lonxe de entregalo en obxectos perdidos ou tratar de localizar á súa lexítima propietaria, decidiu vendelo. Este tipo de condutas, como apropiarse dun obxecto perdido e non devolvelo, ou comprar bens en condicións que fan sospeitar a súa procedencia, poden constituír delitos como a apropiación indebida ou receptación, tipificados claramente no Código penal.
Incivismo sonoro en vía pública e negativa á identificación
Doutra banda, no marco de actuacións relacionadas co descanso veciñal, interveuse nun piso tras recibir múltiples queixas de veciños. A música que saía da vivenda podía escoitarse desde a vía pública. A inquilina do inmoble mantivo en todo momento unha actitude desafiante, negándose de forma reiterada a ser identificada e restablecendo a música a todo volume tras a primeira intervención, a pesar das advertencias claras e reiteradas dos axentes. Motivo polo cal se tramitan as correspondentes denuncias por negativa a identificarse conforme a Lei 4/2015 de Protección da Seguridade Cidadá e por molestias sonoras conforme á Ordenanza de Protección Ambiental.

