
Presunto roubo con forza
Durante a noite do mércores ao xoves, a Sala do 092 recibe información de que a porta de acceso ao almacén dunha empresa estaba aberta na rúa Río Sil. Desprazouse de inmediato ao lugar un indicativo do Grupo Operativo Nocturno, que comprobou que a dita porta presentaba signos de ser forzada. Porén, non había ningunha persoa no interior, polo que os axentes inspeccionaron o exterior e as inmediacións, localizando tres bobinas de cable eléctrico, posiblemente abandonadas no lugar ante a chegada policial. Localizouse aos titulares do establecemento, que se fixeron cargo do mesmo e recoñeceron como de súa propiedade o material achado.
Presunto intento de suicidio
Na mañá do mércores, a Sala do 092 recibe información do Servizo 112 sobre unha persoa que podería ter intención de suicidarse no adarve da Muralla, polo que se comisiona un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio ao lugar. Os axentes dirixíronse de inmediato e, durante o traxecto, contactaron co número facilitado, que resultou ser do menor que se atopaba no adarve (quen afirmou ter intención de lanzarse desde alí). Os axentes entablaron conversación co menor intentando acougalo ata a súa chegada, que se produciu en poucos minutos. Atoparon ao menor no lugar e fixéronse cargo del. Posteriormente, os axentes contactaron cos proxenitores, que acudiron de inmediato e acompañaron ao menor a un centro hospitalario, ao que foi trasladado nunha ambulancia do 061. O menor, aparentemente, non presentaba ningunha lesión.
Auxilio a cidadáns
Durante a fin de semana, os axentes da Policía Local prestaron asistencia a tres persoas que caeron nos seus domicilios, un desde a cadeira de rodas e outros desde a cama, sen que precisasen axuda médica. Ás 9:15 horas do sábado, un indicativo da Policía de Barrio desprazouse a un domicilio do sur da cidade, onde, segundo o Servizo 112, unha muller de idade avanzada caera e non podía levantarse, estando a porta de acceso á vivenda pechada. Os axentes comprobaron a imposibilidade de acceder pola porta de entrada, polo que os Bombeiros entraron a través dunha ventá que dá á vía pública (trátase dun quinto andar). A muller, que estaba consciente, caeu cando se dirixía ao baño, sendo capaz de arrastrarse ata o teléfono, a través do cal informou ao seu fillo do sucedido. Este foi quen solicitou a axuda, xa que vive fóra da cidade. Finalmente, a muller foi trasladada ao HULA nunha ambulancia.
Depósito de residuos na vía pública
Por parte dos axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio e do Grupo Operativo Nocturno, estase a levar a cabo un dispositivo especial para identificar veciños e comerciantes que botan bolsas e caixas de residuos na vía pública, sen facer uso dos colectores destinados a tal fin. Esta conduta causa un trastorno importante ao servizo de recollida, ademais de problemas de salubridade.
Durante a tarde do xoves, identificouse e denunciouse un veciño da rúa Progreso por botar unha bolsa do lixo no acceso a unhas galerías comerciais, un dos puntos máis afectados por esta situación.
Control de establecementos
Ás 2:15 horas do sábado, os axentes do Grupo Operativo Nocturno desprazáronse á Fonte dos Ranchos, onde había queixas polo ruído procedente dun local de hostalaría. Os axentes comprobaron que do devandito local saía música cun volume elevado, xa que tiña as portas abertas. A música reproducíase a través de altofalantes instalados no teito do establecemento, para o cal non está autorizado segundo a licenza de actividade que presenta. Por este motivo, os axentes elaboraron unha acta-denuncia por unha presunta infracción á Ordenanza Municipal de Contaminación Acústica.
Animais soltos na vía pública
Ás 12:00 horas do sábado, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio desprazouse á Ronda Norte, preto da confluencia coa Avda. da Coruña, onde, segundo unha chamada telefónica, había dous ponis soltos nunha finca, chegando a invadir a calzada en algunha ocasión. Os axentes localizaron os animais, que se soltaran das súas ataduras, e capturáronos novamente, amarrándoos de forma provisional para garantir a seguridade viaria. Posteriormente, localizouse ao titular dos animais, que presentou toda a documentación requirida e foi informado do sucedido.

