Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 12 de setembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Presunto delito contra a saúde pública - tráfico de drogas

Ás 00’50 horas do mércores, cando un indicativo do Grupo Operativo Nocturno realizaba patrulla preventiva pola rúa Lamas de Prado, observa a presenza dun vehículo en circulación que presenta varias deficiencias constitutivas de infracción ao Regulamento Xeral de Vehículos, polo cal ordenan ao condutor que deteña a súa marcha. Os axentes, ao aproximarse ao turismo, comproban que desprende un forte cheiro a “hachis”, polo que proceden ao cacheo do condutor e os catro ocupantes, así como ao rexistro do automóbil, cos seguintes resultados:

A dous dos ocupantes intervéñenselles senllos envoltorios, contendo unha substancia pulverulenta, presuntamente “hachis”, que portaban entre as súas roupas, os cales se interveñen, levantando actas - denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, por tenencia de substancias estupefacientes en vía pública, o que constitúe unha infracción grave á devandita norma, que pode ser castigada cunha sanción pecuniaria entre 601 e 30.000 €.

Na guantera do vehículo, os axentes localizan e interveñen dous paquetes contendo unha substancia pulverulenta, similar ás anteriores, cun peso aproximado de 190 (cento noventa) gramos, manifestando o condutor que son unicamente da súa propiedade, polo que, debido á cantidade de substancia, procédese á súa detención  e inícianse dilixencias por un presunto delito contra a saúde pública. (Foto)

O condutor, que presenta signos externos de consumir algún tipo de substancia, é sometido á proba de detección de drogas por parte da Unidade de Atestados, lanzando resultado positivo en THC, motivo polo cal se confecciona denuncia administrativa por conducir inxerindo drogas, o que conleva unha sanción económica de 1000 € e a detracción de 6 puntos do permiso de conducir.

O vehículo foi retirado co guindastre para o depósito municipal.

Falta de respecto aos axentes da autoridade

Ás 11’50 horas do martes, cando un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio prestaba servizo preventivo a pé pola rúa García Abad, aproximouse aos axentes un individuo que se dirixe a eles con frases tales como “sodes uns merda, pechar outros locais e non As Palmeiras que se está gañando a vida”, motivo polo cal foi identificado, levantando acta por unha presunta infracción á Lei de Seguridade Cidadá.

Auxilio a menor

Ás 19’50 horas do martes, un menor presentouse en dependencias da Policía Local de Lugo, solicitando axuda ao axente encargado da seguridade da Xefatura, xa que a súa nai botouno do domicilio despois dunha discusión.

Un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio diríxese ao domicilio, onde son recibidos pola nai, que di coñecer o motivo da presenza policial e declara que o seu fillo, despois dunha discusión, decidiu ausentarse da vivenda.

Despois de solicitar todos os datos necesarios para determinar a actuación policial, entendendo necesaria a intervención dos Servizos Sociais e de Menores, en cuxo coñecemento se poñerá todo o pescudado e actuado, determínase que o menor, provisionalmente quede a cargo do seu avó, a cuxo domicilio é trasladado polos axentes.

Auxilio a cidadáns

Ás 20’30 horas do mesmo día, preséntase en dependencias policiais un home que manifesta necesitar axuda, xa que sente unha forte dor no peito e nun dos brazos, así como problemas respiratorios. O axente de seguridade da Xefatura presta unha primeira asistencia e require de inmediato a presenza de servizos sanitarios, que comparecen aos poucos minutos, determinando o traslado do home a un centro hospitalario.

Durante a noite de martes a mércores, os axentes do Grupo Operativo Nocturno trasladáronse a un domicilio da rúa Ourense, onde unha persoa manifestaba que non era capaz de levantar do chan ao seu pai, de 98 anos de idade. Os axentes, tras comprobar que non necesitaba outro tipo de asistencia, prestaron axuda para que o home puidese regresar á cama.

Instantes despois prestaron un servizo similar na rúa Curros Enríquez, nesta ocasión cunha muller con mobilidade reducida.

Na mesma noite, os axentes prestan auxilio a unha persoa que di caerse nunha zona de matogueiras da Avd. de Marqués de Ombreiro, presentando feridas nunha man. Requírese a presenza dunha ambulancia do 061 que procede ao seu traslado a un centro sanatorial.

Noticias relacionadas