Servizos destacados durante a fin de semana do 9 ao 11 de agosto/24.
Detención por violencia de xénero
A madrugada do día 11 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, é comisionada pola Sala do 092 para que acuda á rúa Río Ulla, xa que ao parecer un home está a agredir a unha muller en plena rúa e que a muller saíra correndo, sendo perseguida polo home.
Os axentes preséntanse de inmediato e localizan á parella, observando que a muller estaba a chorar e moi nerviosa. A muller foi trasladada polos axentes a un centro médico, procedendo á detención do home como presunto autor dun delito de violencia de xénero, sendo trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado.
Accidentes de circulación e delito contra a seguridade viaria
Un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase a noite do día 11 de agosto á rúa Alexandre Bóveda, xa que se produciu un accidente de circulación entre dous vehículos, comprobando os axentes que cando os condutores estaban a cubrir o parte amigable, o causante do accidente, con evidentes síntomas de embriaguez, foxe do lugar, dando coñecemento ás patrullas do Grupo Operativo Nocturno que o localizan pasados uns minutos, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, arroxando un resultado POSITIVO de 0,83 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade d Xuízo Rápido.
Esa mesma madrugada intervense na rúa Amizade nun accidente de circulación, no que un vehículo desvíase da súa traxectoria impactando contra outro estacionado, sendo alcanzado polos axentes na rúa Quiroga, observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, arroxando un resultado POSITIVO de 0,61 mg/l., instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.
Delito contra a seguridade viaria
Na rúa Pintor Corredoira unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta a circulación irregular dun vehículo, dándolle o alto e observando que o seu condutor presenta signos de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia, arroxando un resultado POSITIVO de 0,70 mg/l., instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.
Filtros de seguridade viaria
Detectáronse os seguintes positivos en alcol e drogas:
- Avenida de Magoi. Condutor de turismo POSITIVO de 0,44 mg/l.
- Praza Fonte do Rei. Condutor de patinete eléctrico, POSITIVO de 0,34 mg/l.
- Praza Fonte do Rei. Condutor de turismo, POSITIVO de 0,32 mg/l.
- Praza Fonte do Rei. Condutor de turismo, POSITIVO en test de drogas en THC.

