Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 8 ao 10 de xullo.

Luns, 11 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Delito contra a seguridade viaria

Sobre as 21:05 horas do día 10 de xullo un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo trasládase á Avenida República Arxentina xa que se producira un accidente de circulación onde un vehículo en movemento choca coa súa parte dianteira contra a traseira dun vehículo que estaba detido ao amparo da luz vermella dun semáforo, observando que a condutora do vehículo que impacta contra o detido presentaba signos de acharse baixo os efectos de bebidas alcohólicas, sendo sometida ás probas de alcoholemia, lanzando un resultado POSITIVO de 0,76 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria.

Ruídos en interior de vivendas

Durante a fin de semana patrullas do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo tiveron que intervir en CATRO domicilios por ruídos que molestaban á veciñanza.

A primeira intervención tivo lugar ás 00:53 horas do día 9 nun edificio da rúa Río Sil onde os axentes comprobaron que, dun local situado na entreplanta, escoitábase música en ton alto e actividade humana que perturbaba o descanso dos veciños, sendo identificado o responsable que manifestou que estaba a celebrar uns aniversarios cuns amigos, sendo requirido para que cesasen as molestias, o que fixo ao instante, desconectando o equipo de música e desaloxando a entreplanta.

A segunda intervención tivo lugar sobre as 22:30 horas do mesmo día cando a patrulla acudiu a un edificio da rúa do Seixo xa que nunha das vivendas estaba a celebrarse unha festa que perturbaba o descanso dos veciños, comprobando os axentes que se escoitaban ruídos procedentes de actividade humana, sendo identificado o responsable ao que se lle require para que cesen as molestias, o que fai ao instante.

A terceira intervención se levou acabo ás 1:50 horas nun edificio da rúa da Aguia xa que os veciños queixábanse dos ruídos que proviñan dunha vivenda, comprobando os axentes que se escoita música en ton moi alto e voces de persoas, sendo identificado o responsable que manifestou que o piso é dos seus pais que están ausentes, o que aproveitou para celebrar unha festa cuns amigos, sendo requirido para que cesen as molestias, o que fai ao instante, desconectando o equipo musical e abandonando o lugar os mozos.

A cuarta prodúcese sobre as 3:55 horas nun edificio da rúa Montirón xa que os veciños denunciaran ruídos molestos que proviñan dunha vivenda, comprobando os axentes que se escoita música a un alto volume, perceptible xa desde a vía pública, sendo identificada a responsable, sendo requirida para que cesen as molestias, o que fai ao instante.

En todos os casos levantouse acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Auxilio á cidadanía

Na mañá do domingo 10 de xullo efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo auxiliaron a unha persoa de 94 anos que caera no cuarto de baño da súa vivenda en Camiño Real, procedendo a incorporala, deitándoa na cama, quedando ao coidado dun familiar, sen necesidade de asistencia médica.

Na Rolda do Carme a patrulla acode a un domicilio xa que unha persoa caera no chan do dormitorio e os familiares que o atenden eran incapaces de levantalo, polo que a patrulla auxíliao, procedendo a incorporalo e sendo atendido pola dotación sanitaria dunha ambulancia do 061.

Inspección establecementos de hostalería

Efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo levantaron acta de denuncia por infracción á normativa de Espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia nas inspeccións que levaron a cabo en DOUS locais de hostalería da cidade.

A primeira nun local da Rúa Nova pertencente ao Grupo I (bar), que non pode ter equipo de música, onde os axentes detectaron que no local escóitase música procedente dun altofalante portátil, conectado vía bluetooth a un teléfono móbil, situado detrás da caixa rexistradora no centro do establecemento, sendo a música perceptible en todo o local.

A segunda nun café bar da rúa Mar Cantábrico onde os axentes detectaron que se achaba aberto ás 4:10 horas, excedendo no exercicio da súa actividade, o límite horario establecido.

Campaña de control de velocidade

A Policía Local de Lugo estableceu diversos controis de velocidade no marco da campaña activada pola DXT, durante os días 4 ao 7 de xullo, co emprego dun vehículo policial dotado de cinemómetro, naquelas vías que se detecta un maior número de accidentes de circulación, co obxectivo de reducir a sinistralidade viaria, cos seguintes DATOS:

  • VEHÍCULOS CONTROLADOS: 2818
  • DENUNCIAS POR EXCESO DE VELOCIDADE: 104

A velocidade máis alta captada foi de 96 km/h nunha vía limitada a 50 km/l, o que supón para o condutor unha sanción de 500 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Noticias relacionadas