
Presunto delito contra a liberdade sexual
Ás 4’50 horas do venres día 7, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, que realizaba patrulla preventiva pola Praza de Pio XII, foi requirido por tres mulleres novas, que se atopaban chorando e moi nerviosas, manifestando que se dirixían cara ao seu domicilio desde un local de lecer nocturno da zona centro e que foran abordadas por un individuo que as estaba seguindo, polo que os axentes iniciaron o acompañamento das mozas en dirección á súa vivenda. Durante o camiño, unha das mozas identifica o home en cuestión, que se atopaba nas inmediacións, engadindo ás súas manifestacións que ese mesmo home, horas antes, chegou a bicala contra a súa vontade e realizoulle tocamentos, a pesar da súa negativa reiterada.
Por todo o exposto, os axentes proceden á detención do individuo, que é trasladado a dependencias policiais para a tramitación das dilixencias oportunas.
Tamén proceden ao traslado da vítima a un centro sanitario e posteriormente ao seu domicilio, á espera da formalización da correspondente denuncia.
Presunta violencia intrafamiliar
Ás 22’25 horas do pasado día 5, a Sala do 092 recibiu información sobre unha nai que agrediría á súa filla no interior do domicilio familiar, polo que se comisionou de inmediato no lugar un indicativo do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo. Os axentes foron recibidos por unha muller, de 18 anos de idade, que manifesta que a súa nai agredíraa nun brazo, aínda que non presentaba lesións aparentes, e que as discusións eran constantes desde fai máis dun ano.
Os axentes tamén contactaron coa nai, que declarou que a súa filla mantiña unha conduta conflitiva e que ese día, cando ía saír de casa, suxeitouna por un brazo para que non o fixese; engadindo que ambas teñen fillos menores ao seu cargo, cos cales conviven no domicilio.
Ante os ofrecementos policiais, ambas foron trasladadas a un centro sanitario, tras o cal a requirente foi trasladada de novo ao domicilio, co seu fillo de 1 ano; e a nai, acompañada da súa filla de 7 anos, foi trasladada á casa dunha amiga seguindo o seu desexo e para evitar continuar o conflito dese momento.
Recuperación de vehículo subtraído
Un indicativo de Policía Local que realizaba labores de disciplina de tráfico, para manter libre de vehículos as zonas de estacionamento de transporte público urbano, ao facer utilización do dispositivo móbil para confeccionar o correspondente boletín de denuncia a un automóbil nunha parada de bus de Alexandre Bóveda, comproba que a aplicación, que conecta automaticamente coa base de datos da DXT, informa de que o turismo figura como subtraído, podendo pescudar que a denuncia fora presentada na cidade da Coruña durante o mes de abril; ademais de que o automóbil se atopaba de baixa no rexistro de vehículos.
Por todo iso, procedeuse á súa retirada para o depósito municipal, ademais de dar aviso á súa propietaria e ás demais forzas e corpos de seguridade implicadas.
Discusión familiar en domicilio
Durante a tarde do sábado 8, a Sala do 092 comisionou unha patrulla de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo nun domicilio da zona norte da cidade, xa que, segundo chamada telefónica recibida, escoitábase unha forte discusión e o movemento e golpeo de mobles. Os axentes compareceron de inmediato no lugar e contactaron cos moradores da vivenda, un home e unha muller, por separado, confirmando ambos que o único que se produciu era unha forte discusión, pero sen ningún tipo de actuación da que puidese derivarse actuación policial.
Situación similar atendeu un indicativo do Grupo Operativo Nocturno durante a noite do venres ao sábado, nun domicilio da rúa Ourense, onde foi necesario requirir a presenza de persoal sanitario, xa que a discusión que ambos os membros da parella coincidían en manter produciuse por temas familiares, xa que teñen unha filla baixo tratamento psiquiátrico. A facultativo trasladada ao lugar desaconsellou o traslado da moza a un centro sanitario, xa que tiña concertada cita en datas recentes.

