Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 8 ao 10 de abril/22

Luns, 11 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Inspección local de lecer nocturno

Á vista de que en redes sociais dábase publicidade dun espectáculo de “striper en parella, sexo en vivo e parella  viciosa” nun local de lecer nocturno da rúa Tui, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo realizaron unha inspección na que se identifica á encargada do establecemento, levantando acta onde manifesta que por mor das informacións dos medios de comunicación da apertura de expedientes sancionadores a locais da rúa Galicia e  Camiño Real, pola celebración dun espectáculo similar ao que pretendía realizar, declina realizalo por temor ás fortes sancións que a celebración deste espectáculo pódenlle carrexar.

Na acta os axentes describen con precisión que hai unha habitación e reservados de reducidas dimensións que son utilizados polos clientes para, segundo a encargada, “tomarse unha copa coas mozas”, observando que hai varias mulleres na barra sen consumir.

Así mesmo dan conta á Autoridade competente que non se dan as condicións de salubridade e hixiene nin nos reservados nin nos baños, remitíndose a Inspección de Sanidade.

Tamén se denuncia que non son visibles os carteis informativos de prohibición de consumo de alcol e tabaco a menores.

Controis de alcoholemia e drogas

Efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, co apoio de equipos da Unidade de Atestados do Corpo, co emprego de vehículos  rotulados e camuflados, intensificaron os controis de alcoholemia e drogas, establecendo diversos  filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano, detectándose SETE condutores positivos en alcol nos seguintes controis:

Alcoholemias administrativas

  • Rúa Curros Enríquez. POSITIVO de 0,57 mg/ l,
  • Sanxillao. POSITIVO 0,54 mg/ l
  • Rúa Ortega e Gaset. POSITIVO 0,58 mg/ l

Nestes tres casos abriuse expediente sancionador con multa de 1.000 euros a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

  • Rua Paseo dos Estudantes. POSITIVO de 0,38 mg/ l.
  • Rúa Xosé  Castiñeira. POSITIVO de 0,42 mg/ l.

A estes tres últimos condutores abríuselles expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Alcoholemias penais

Así mesmo detectáronse dous vehículos que circulaban de forma irregular. O primeiro en Augas Férreas, lanzando o seu condutor un resultado POSITIVO de 0,94  m/ g e o segundo na Avenida de Ramón Ferreiro lanzando o seu condutor un resultado POSITIVO de 0,75 mg/ l, instruíndose, en ambos os casos, dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido

Tamén se denunciaron varios condutores que non pasaran a ITV no prazo debido (sanción de 200 euros), circulaban carecendo de  SOA (sanción de 1.500 euros) ou non facían uso do cinto de seguridade (sanción de 200 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución), detectando un condutor que circulaba pola avenida da Coruña de forma temeraria, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

No transcurso destes controis detectouse un vehículo sobre o que pesaba un mandamento de captura e depósito por EMBARGO, sendo trasladado polo servizo de guindastre ao depósito onde quedou inmobilizado ao dispor da autoridade correspondente.

Condutas  incívicas

Unha patrulla camuflada do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo levantou SETE actas de denuncia por infracción á Lei de Residuos de Galicia ao sorprender a outros tantos mozos ouriñando na vía pública.

Cinco deles foron denunciados na Praza de Santa María e dúas na Travesía do Miño, lugar onde se levantou outra acta contra outro mozo por infracción á Lei de Seguridade Cidadá por consumo de substancia estupefaciente en vía pública (po de cor branca presuntamente cocaína), intervíndose a substancia para a súa remisión ao órgano competente e realizando proposta de sanción de ata 10.400 euros.

Auxilios a cidadáns

Ás 5,40 horas do día 10 de abril/22 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta que na Praza do Campo hai unha persoa tirada no chan, comprobando os axentes que se trata dun home de 53 anos que está inconsciente e cuberto de vómito, en compañía dun amigo que manifestou que estaban a tomar unhas bebidas e de forma repentina sentiu indisposto, sendo auxiliado pola patrulla que o colocou en posición de seguridade, requirindo a presenza dunha ambulancia, onde foi trasladado ao  HULA para a súa atención médica.

Ás 17,40 horas do mesmo día colabórase co 061 para a atención dunha persoa de 80 anos que se acha desorientada na  rúa Tino Grandío, a cal presentaba signos de acharse  embriagada, sendo trasladada ao  HULA para a súa atención médica.

Ás 19,30 horas dese día unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo auxilia a unha persoa que se achaba na procesión da Virxe das Dolores e sufrira un desmaio, tratándose dun home de 74 anos que se había  desfallecido cando pasaba a procesión, sendo requirida a presenza dunha ambulancia do 061, onde foi trasladado ao HULA para o seu recoñecemento médico.

Noticias relacionadas