
Menor asomado a balcón con risco de caída
Ás 12’00 horas do martes, a Sala do 092 recibe información dunha viandante que di que nun balcón da primeira planta dun edificio do norte da cidade hai un neno pequeno asomado, sobre unha cadeira, con risco de caer cara á vía pública. Se comisiona de inmediato no lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio, sen que os axentes observen a presenza do neno, aínda que contactan coa requirente, que corroborou o informado en primeira instancia, engadindo que estivera falando co neno, que lle dixo que estaba a contar coches e que se atopaba só na vivenda.
Os policías conseguen acceder ao edificio, sendo recibidos no primeiro piso por quen di ser a nai do menor, que manifesta coñecer que o seu fillo estivera no balcón, subido a unha cadeira, contando coches, pero que ela se atopaba no domicilio.
De todo o pescudado e actuado pásase coñecemento aos Servizos Sociais, por se se entendese necesaria algunha actuación complementaria.
Auxilio a cidadáns
Ás 20’55 horas do mesmo martes, un indicativo de Policía de Barrio trasládase a un domicilio da rúa Otero Pedrayo, onde un home manifestaba non poder acceder ao interior do mesmo, por quedarlle as chaves dentro e que ninguén lle abre, xa que a súa esposa toma medicación pola que dorme profundamente e a súa sogra non ten a mobilidade suficiente, ignorando como se atopan ambas. Tras comprobar que o requirente efectivamente reside na devandita vivenda, os axentes conseguen abrir a porta de entrada accionando o resbalón desde o exterior, acompañando ao home e comprobando que as dúas mulleres atópanse en perfectas condicións.
Ás 13’50 horas do mércores, a Sala do 092 recibe información sobre unha muller desorientada na rúa Mallorca, polo que se despraza de inmediato ao lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio. Os axentes comproban que se trata dunha muller de 97 anos de idade, que xa foi atendida en máis ocasións polo mesmo motivo, polo que a acompañan ao seu domicilio, no que vive soa. Pásase aviso de todas as circunstancias concorrentes aos Servizos Sociais.
Ás 7’00 horas do xoves, un indicativo de Policía de Barrio foi comisionado na Rúa Marina Española, xa que a Sala do 092 recibira información sobre un home durmindo na rúa, posiblemente ebrio. Os axentes comproban a veracidade da información e requiren a presenza dunha ambulancia, para que os sanitarios valoren feridas que presenta nunha cella, tras o cal procédese ao seu traslado ao HULA.
Ás 16’45 horas do venres, un indicativo de Policía de Barrio auxilian a unha muller, de 64 anos de idade e problemas de mobilidade, para que se poidan incorporar, xa que se caeu e estaba sentada no chan do domicilio, sen que o seu acompañante fose capaz de levantala. Non foi necesaria a intervención de servizos sanitarios.
Ás 21’10 horas do mesmo venres, un indicativo de Policía de Barrio, con colaboración doutro do Corpo Nacional de Policía, acoden a un inmoble da zona da Milagrosa, onde varios veciños alertaran ao Servizo 112 sobre os berros que se escoitaban procedentes dun dos pisos, onde vivía unha muller de 86 anos soa. Tras comprobar o relatado, os axentes, con axuda do Servizo de Bombeiros, acceden ao piso, achando á muller tendida no chan, sendo evacuada por unha ambulancia do 061 para a súa valoración máis completa. Dáse aviso da situación aos Servizos Sociais, xa que no momento non foi posible localizar a ningún familiar da anciá.
Ás 9’45 horas do sábado, a Sala do 092 recibe información sobre un home, presuntamente ebrio, na Praza da Liberdade, polo que se comisiona no lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio. Os axentes localizan a un home, que resultaría ter 37 anos de idade, tendido na zona axardinada, semiinsconsciente, sen responder as preguntas dos axentes, que o sitúan en posición de seguridade e requiren a presenza dunha ambulancia.
O persoal sanitario comparece aos poucos minutos, momento no que o home deixa de responder a estímulos e de respirar, comezando os sanitarios as manobras de reanimación oportunas. Finalmente o home resultou falecido.
Os axentes, tras varias investigacións, conseguen localizar a un familiar, que comparece no lugar dos feitos, confirmando a identidade do falecido; tras o cal iniciáronse os trámites necesarios para o levantamento do cadáver.
Requirimento por ruídos
Durante a mañá do xoves, a Sala do 092 recibe queixas sobre as molestias procedentes dun piso da Avd. de Garabolos, polo volume da música, os golpes e os berros procedentes do mesmo. Os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio, tras comprobar os feitos, proceden a chamar á porta do domicilio do que proceden os ruídos, sen que reciban resposta de ningunha persoa, aínda que escoitan unha voz procedente do interior que di “non abras, é a Policía, pecha a porta”, polo que insisten en repetidas ocasións, sen que lles atenda ningunha persoa.
Tras realizar as investigacións oportunas, os axentes logran contactar co titular da vivenda a través do teléfono, requiríndolle para que abra a porta do inmoble, comprobando que se atopaba no interior do mesmo, aínda que dixo non escoitar as chamadas.
O home foi denunciado polas molestias que estaba a causar ao resto da veciñanza e, ademais, os axentes confeccionaron acta-denuncia por unha presunta infracción á Lei de Seguridade Cidadá, por negarse a abrir a porta e facilitar a súa identidade aos axentes en todas as ocasións que chamaron ao timbre e golpearon a porta de entrada.
Ás 3’10 horas do luns 9, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasládase a un inmoble da rúa Alvedro, onde os veciños quéixanse polo volume da música procedente dunha entreplanta. Os axentes son recibidos por quen di ser arrendatario da entreplanta, que se quedou durmido sen ser consciente do volume da música, apagándoa de inmediato. Inícianse investigacións para determinar se o inmoble pode ser dedicado a vivenda ou se está arrendando de forma irregular.
Gorrillas
Durante a mañá do xoves, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio que formaban parte do dispositivo para a vixilancia de actividades irregulares de aparcacoches nas inmediacións do HULA, procederon á identificación de dous individuos que, introducíndose na calzada, co consecuente risco para eles mesmos e para o resto de usuarios da vía, daban indicacións aos condutores sobre os espazos de estacionamento dispoñibles, motivo polo cal foron denunciados e advertidos de que habían de cesar na devandita actividade, ausentándose do lugar.
Molestias en establecemento de hostalería
Ás 20’55 horas do mércores, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio trasladouse a un establecemento da Avd. de Magoi, desde o cal requirían a presenza policial urxente, debido a que un cliente presentaba actitude agresiva e mesmo se internou na cociña do local. Á chegada dos axentes, o individuo atopábase sentado a unha das mesas do establecemento e, ante o requirimento policial, abonou a conta do que consumira e ausentouse, sen que fose necesaria máis actuación.
Presunto delicto de violencia de xénero
Ás 00’50 horas do sábado, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasládase a un domicilio da zona norte da cidade, desde onde unha muller chamara á Sala do 092 dicindo que a súa parella está a ameazala e insultando e quería que se fose de casa. Os axentes comparecen de inmediato no lugar e observan a unha muller que, desde a xanela do primeiro piso, indícalles que é alí o lugar do requirimento. A muller manifesta que, ao chegar a casa, a súa parella agrediuna, polo que se tivo que encerrar nunha habitación. Outro axente entrevistouse co home, que presentaba unha ferida nun pómulo (sobre a que non quixo dar ningunha explicación) e atopábase aparentemente baixo os efectos do alcol, manifestando que discutiran pero sen agresión física algunha.
Os axentes facilitaron asistencia sanitaria á afectada no lugar, xa que non quixo trasladarse a un centro sanitario e logo procederon ao seu traslado a dependencias policiais, para a formalización da correspondente denuncia. Tamén procederon á detención do home e o seu traslado a dependencias policiais, para a tramitación de dilixencias por un presunto delicto de violencia de xénero.
Desprendemento de teito en establecemento
Ás 19’00 horas do sábado a Sala do 092 recibe requirimento desde un establecemento público da rúa Camiño Real, onde se desprendeu parte do teito. Trasládase ao lugar de inmediato un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio, que comproba que parte do falso teito e do local, así como do chan da vivenda situada na primeira parte caera no interior do establecemento, sen que resultase ningunha persoa lesionada.
Tras proceder ao desaloxo da vivenda afectada, requírese a presenza do Servizo de Bombeiros, que realiza unha primeira inspección, observando gretas en paredes e portas, así como afundimento no chan, ademais do oco aberto de aproximadamente un metro cadrado. Requírese tamén a presenza dun técnico municipal, que, tras unha inspección exhaustiva, determina que o desaloxo dos moradores da vivenda (nai e filla) ten que continuar. Aínda que se lles ofrece pernoitar en dependencias do albergue municipal, finalmente son acollidas por unha amiga.
Os axentes proceden ao precinto do inmoble, advertindo ao propietario, tamén presente, de que para calquera actuación sobre o mesmo habería de avisar con antelación á Policía Local, para poder adoptar as precaucións necesarias.


