
A Policía Local de Lugo reforza a súa presenza para preservar a convivencia e a orde pública. Durante a última semana, a Policía Local de Lugo intensificou a súa presenza na vía pública co obxectivo de dar resposta a diversos incidentes relacionados coa alteración da orde e o comportamento incívico, reforzando o seu compromiso co benestar da cidadanía.
Detención por alteración grave da orde e desobediencia
A Policía Local, en colaboración coa Policía Nacional, procedeu á detención dun home na Avenida de Magoi. O mesmo mostrouse inicialmente desobediente ante a indicación de non circular cun vehículo con danos graves e arestas cortantes que poderían provocar danos aos demais usuarios, ademais de non contar coa ITV en vigor. Tras intentar ignorar as ordes dos axentes e poñer en marcha o vehículo, foi interceptado polos mesmos.
Acto seguido, o individuo abalanzouse con agresividade contra os axentes, intentando golpealos, polo que foi reducido e detido, sendo trasladado a dependencias policiais onde se instrún dilixencias para o Xulgado de Garda. Este tipo de intervencións, complexas e de risco, evidencian o compromiso dos corpos policiais coa seguridade da contorna urbana e a protección do resto de usuarios.
Intervención ante incendio dun vehículo en vía pública
Na madrugada do día 6 de abril, a Policía Local de Lugo foi requirida pola Sala 092, tras aviso do 112, para intervir nun incendio declarado nun vehículo estacionado. Á súa chegada, os axentes observaron que un turismo se atopaba completamente envolto en lapas. Realizouse un primeiro intento de extinción co material do vehículo patrulla, pero dada a intensidade do lume, requiriuse ao servizo de bombeiros, que procederon á súa completa extinción.
Durante a intervención, os axentes interesáronse polo estado dos veciños nun inmoble anexo, confirmando que non existía risco algún. O vehículo quedou completamente calcinado. Segundo manifestou o seu propietario, o coche fora recentemente reparado nun taller e algunha manipulación defectuosa podería ter sido a causa do lume. (FOTO)
Altercado na estación de autobuses
Axentes da Policía Local interviñeron na estación de autobuses tras ser requiridos por unha situación provocada por un usuario dunha liña regular que, tras quedar durmido durante o traxecto, espertou nunha cidade distinta ao seu destino. O afectado mostrouse moi alterado mentres abandonaba a estación de autobuses, acusando a perda do seu teléfono móbil e faltando ao respecto ao condutor e a outros usuarios da liña. Inmediatamente informáuselle do procedemento a seguir para a posible recuperación dos seus efectos persoais e requirióuselle debidamente para que abandonase a zona canto antes. Este tipo de actuacións reflicten o papel da Policía Local como mediadora en situacións de conflito que afectan ao normal funcionamento dos servizos públicos.
Control de venda ambulante non autorizada no mercado de Frigsa
Durante esta semana, axentes da Policía Local de Lugo formularon 6 propostas de sanción por ocupación da vía pública con venda ambulante non autorizada nas inmediacións do mercado de Frigsa.
Estas actuacións enmárcanse nos dispositivos especiais de vixilancia en zonas de afluencia veciñal, co obxectivo de garantir a legalidade das actividades comerciais, protexer aos consumidores e preservar a competencia leal cos comerciantes legalmente establecidos, que cumpren coas condicións administrativas esixidas.
Neste caso concreto, a ocupación non autorizada da vía pública supón unha infracción tipificada na Lei Orgánica 4/2015 de Protección da Seguridade Cidadá, con sancións que poden acadar os 600 euros, ademais da retirada do material en caso de reincidencia ou risco para os consumidores.

