Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Martes, 08 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Accidente de circulación

Sobre as 22:00 horas do día 7 de novembro un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase a Rolda Norte xa que un vehículo atropelara a un xabaril, comprobando os axentes como o animal xacía morto na calzada polo forte impacto do vehículo coa súa parte dianteira dereita, procedendo a levantar o correspondente atestado e facendo as xestións pertinentes para a retirada do animal da vía pública. (Adxúntase imaxe).

Delito contra a seguridade viaria

Sobre as 17:50 horas do día 7 de novembro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo intercepta un vehículo na rúa do Franco, comprobando que a súa condutora de 44 anos de idade CARECE DE PERMISO DE CONDUCIÓN pola perda da totalidade dos puntos asignados, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido e inmobilizando o vehículo que conducía.

Aparcacoches ilegais

Na mañá do día 7 de novembro, por efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, estableceuse un novo dispositivo especial para combater a actividade ilegal de aparcacoches na contorna do HULA, empregando vehículos rotulados e camuflados, sendo sorprendidas CATRO persoas que na calzada indicaban aparcamentos ás e aos condutores, poñendo en risco a súa integridade física e causando molestias innecesarias á cidadanía, abríndose expedientes sancionadores por infracción ao Regulamento Xeral de Circulación, ordenando os axentes que cesasen nesa conduta, o que inicialmente fixeron.

Ao pouco tempo a patrulla localizou na mesma actitude a TRES deles, polo que nesta ocasión levantouse acta de denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por desobediencia aos axentes da autoridade, propoñéndose sancións para cada un deles, no seu grao mínimo de ata 10.400 euros e no seu grao máximo de ata 30.000 euros, remitindo os expedientes sancionadores á Subdelegación do Goberno.

Noticias relacionadas