Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Martes, 08 de xullo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

A Policía Local de Lugo volveu incidir especialmente na vixilancia dos Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), detectando novas infraccións xa que algúns usuarios seguen vendo o patinete como unha vía “alternativa” para circular despois de consumir alcohol ou drogas.

Tres intervencións con VMP: alcohol e drogas, combinación letal

Nestes últimos días, rexistráronse tres actuacións destacadas relacionadas con condutores de patinetes:

  • Un primeiro usuario arroxou resultados positivos en cocaína, THC e anfetaminas, un cóctel de substancias que pon en risco non só a súa integridade, senón a de peóns e outros condutores.
  • Outro condutor de VMP foi sorprendido con taxas altísimas de alcohol: 0,90 e 0,85 mg/L en aire expirado, unha cifra propia de delitos penais na condución de vehículos a motor.
  • A terceira intervención saldouse cunha alcolemia administrativa de 0,33 e 0,32 mg/L, mostrando novamente que, aínda que as cifras sexan máis baixas, a condución dun VMP baixo efectos de alcohol ou drogas é igualmente sancionable.

Estes datos reafirman o constante labor dos axentes, que levan semanas intensificando os controis sobre este tipo de vehículos. Con iso demóstrase que a Policía Local de Lugo está enriba desta problemática, realizando controis dinámicos, probas de alcohol e drogas, e verificacións de documentación.

Operativo itinerante: alcolemias en distintos puntos da cidade

Ademais das actuacións específicas con VMP, desenvolveuse un operativo de control itinerante por distintos puntos de Lugo, saldándose con varias alcolemias administrativas:

  • Unha primeira intervención con resultados de 0,35 e 0,31 mg/L.
  • Outra, con taxas de 0,52 e 0,57 mg/L.

Estas cifras volven poñer enriba da mesa a necesidade de lembrar que cada condutor que se pon ao volante superando os límites legais é un perigo real, máis aínda en vías urbanas onde a presenza de peóns, ciclistas e VMP é constante.

Desde a Xefatura recoñecen a firmeza de todos os axentes implicados neste plan de control integral, que demostra que detrás de cada intervención hai un obxectivo claro: evitar accidentes e protexer vidas.

Depósito de residuos en vía pública

Con motivo de queixas cidadás sobre o depósito de bolsas do lixo na beirarrúa da Ronda da Muralla, por parte da Policía Local de Lugo estableceuse un dispositivo cunha patrulla camuflada, sorprendendo a primeira hora da noite a unha persoa que depositaba bolsas do lixo na beirarrúa, tendo un colector próximo, sendo identificada e levantándose acta de denuncia por unha infracción GRAVE á Lei de Residuos de Galicia. (foto)

Noticias relacionadas