Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 07 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Intervención policial en caso de Viogén con dúas detencións

Durante a noite do pasado domingo, axentes da Policía Local de Lugo interviñeron nun domicilio tras recibirse unha alerta por unha forte discusión entre dúas persoas que mantiñan unha relación sentimental e residían no mesmo inmoble.

Unha vez no lugar, ambos implicados narraron mutuas agresións ocorridas tras unha discusión de parella que foi escalando ata o punto de producirse un forcexo físico con resultado de lesións por ambas partes. Segundo a manifestación dos implicados, produciuse unha agresión cun obxecto punzante, en concreto un garfo, así como golpes no rostro e outras partes do corpo.

Ambas persoas presentaban signos visibles de lesións compatibles co descrito, motivo polo cal foron detidas, informadas dos seus dereitos, prestándoas atención médica e trasladadas a dependencias policiais para continuar coas dilixencias.

Este tipo de situacións encádranse dentro do marco de actuacións que contemplan os protocolos de intervención en posibles casos de violencia no ámbito da parella, e que esta Policía activa de forma rigorosa, garantindo sempre a protección das vítimas implicadas.

A Policía Local de Lugo lembra á cidadanía que a violencia en calquera forma, verbal ou física, non ten cabida nas relacións persoais nin na convivencia cidadá. Seguiremos traballando con firmeza para previr, detectar e actuar de xeito inmediato ante calquera feito que poña en risco a integridade das persoas, especialmente na contorna do fogar, onde moitas veces ocúltanse situacións de alto risco.

Control de vehículo modificado sen homologación ITV

Durante un servizo ordinario de vixilancia do tráfico, unha patrulla da Policía Local  detectou o pasado 2 de maio a circulación dun vehículo con posibles reformas de importancia non homologadas. Inicialmente, ao consultar a matrícula, observouse que o vehículo carecía de seguro obrigatorio. Con todo, tras requirir a documentación á condutora, esta presentou xustificante en vigor que acreditaba que o vehículo estaba correctamente asegurado.

Ao realizar unha inspección ocular, os axentes constataron diversas modificacións visibles: sistema de admisión directa, modificacións no sistema de escape, vinilado de lúas, uso de separadores de vías, entre outros elementos. Ao ser preguntada, a condutora manifestou descoñecer se as reformas estaban debidamente legalizadas, sinalando que o vehículo pertencía á súa parella, quen se identificou como o responsable das modificacións.

Esta persoa, coñecida polos actuantes por antecedentes en materia de seguridade viaria, non achegou documentación acreditativa da homologación das devanditas modificacións, asegurando unicamente de forma verbal que o coche pasara recentemente a ITV.

Ante a sospeita fundada de estar ante reformas non legalizadas, procedeuse, de acordo con o Real Decreto 920/2017, do 23 de outubro, polo que se regula a inspección técnica de vehículos, a emitir unha acta de proposta de inspección técnica extraordinaria, na que se detallaban as modificacións para revisar por parte da estación de ITV.

Acompañados pola patrulla de apoio, supervisouse a presentación do vehículo na estación de ITV de Lugo á hora sinalada. Como resultado da inspección técnica, emitiuse un informe desfavorable con ata 7 deficiencias graves, confirmando que as modificacións observadas non estaban recollidas nin autorizadas na ficha técnica do vehículo.

Por todo iso, procedeuse a notificar á condutora a prohibición de circulación do vehículo ata que sexa emendado o observado e volva pasar unha inspección favorable. Ademais, instruíronse as denuncias administrativas correspondentes, que poden conlevar sancións por circular con reformas non homologadas (ata 500 euros e a inmobilización do vehículo), conforme ao regulamento xeral de vehículos.

Este tipo de actuacións buscan protexer a seguridade de todos os usuarios da vía. As modificacións non legalizadas supoñen un risco, non só polo seu posible impacto no comportamento do vehículo, senón tamén porque poden chegar a invalidar coberturas de seguro en caso de accidente. (adxúntase foto)

Resumo semanal de intervencións en Seguridade viaria

Durante a última semana, os controis de alcol e drogas realizados pola Policía Local de Lugo volveron a deixar evidencia do risco que supón conducir baixo os efectos de substancias, especialmente cando se fai en vehículos de mobilidade persoal (VMP), cuxa presencia neste tipo de infraccións continúa sendo preocupante.

Alcol – Sanciones administrativas: Formuláronse 3 denuncias administrativas por condución cunha taxa de alcol superior a 0,25 mg/l e menor a 0,60 mg/l. As taxas rexistradas foron de 0,25 mg/l, 0,43 mg/l e 0,63 mg/l, con sancións de 500 euros e retirada de 4 puntos do permiso de conducir.

Alcol – Sanción penal: Tramitouse un delicto contra a seguridade viaria ao detectarse unha taxa de 0,70 mg/l, superior ao limiar penal de 0,60 mg/l. Neste caso, instruíronse dilixencias xudiciais por condución baixo os efectos do alcol, feito tipificado no artigo 379.2 do Código penal.

Casos máis graves – VMP: Mención especial merecen as dúas intervencións por alcoholemia elevada en usuarios de vehículos de mobilidade persoal (VMP), que lanzaron resultados de 0,73 e 0,79 mg/l, cifras notablemente altas. Este tipo de comportamento reiterado semana tras semana pon en risco non só aos propios usuarios, senón tamén a peóns e demais vehículos, ao tratarse de medios de transporte sen protección nin medidas de seguridade activas.

Desde a Policía Local insístese en que os VMP tamén están suxeitos ás normas de circulación e aos controis de alcoholemia e drogas, e o seu uso baixo os efectos destas substancias será sancionado coa máxima firmeza. Non son un salvoconducto para a imprudencia nin un medio alternativo para quen bebeu. A vixilancia sobre este tipo de infraccións é constante e prioritaria, con controis frecuentes en distintas zonas da cidade e franxas horarias, especialmente as fins de semana. Grazas a esta presenza activa, cada semana detéctanse e sancionan condutas que comprometen seriamente a seguridade viaria.

Resumo de actuacións humanitarias e de auxilio á cidadanía

Durante a pasada semana, as patrullas da Policía Local atenderon diversos requirimentos relacionados coa asistencia a persoas vulnerables, actuacións de apoio a servizos sociais e sanitarios, e comprobacións motivadas por alertas de teleasistencia ou preocupación veciñal. Estas intervencións, realizadas con dilixencia e sensibilidade, reflicten o compromiso diario do corpo coa protección das persoas máis fráxiles da nosa comunidade.

Activacións de teleasistencia e comprobacións por ausencia de contacto

  • Atendeuse a activación automática dun pulsador de teleasistencia de Cruz Vermella, trasladándose unha patrulla ao domicilio. No lugar comprobouse que o usuario se atopaba en bo estado, tratándose dun falso aviso tras un corte de luz.
  • Noutro domicilio investigouse a situación dunha muller maior que levaba varios días sen responder o teléfono. Unha patrulla desprazouse ao lugar e localizou á persoa en cuestión en perfecto estado, quen explicou que o seu terminal móbil atopábase avariado.

Accións de comprobación por persoas desorientadas ou desaparecidas

  • Nun supermercado da cidade, axentes asistiron a unha muller de avanzada idade achada desorientada, que non lembraba a súa dirección nin os datos dos seus familiares. A situación resolveuse coa chegada da súa neta, quen se fixo cargo dela.
  • Tamén se recibiu un aviso por unha posible situación de risco nun domicilio ao non responder unha muller ás chamadas. Activouse un dispositivo conxunto con bombeiros, accedendo á vivenda a través dunha xanela. A persoa foi achada consciente pero no chan, sendo trasladada ao hospital para a súa avaliación médica. #Ante as deficientes condicións de salubridade detectadas, elaborouse informe dirixido a Servizos Sociais.

Intervencións relacionadas con persoas maiores en situación de soidade

  • Deuse resposta á preocupación dun familiar que non lograba contactar cun parente ancián desde facía varios días. Grazas á intervención coordinada con 061 e Bombeiros, púidose acceder á vivenda, onde o afectado foi atopado consciente pero tirado no chan do domicilio. Foi evacuado e avisouse aos seus familiares.

Intervencións por problemas de saúde mental e apoio sanitario

  • Axentes asistiron a un menor cun episodio de alteración nerviosa e agresividade na vía pública. A intervención desenvolveuse xunto aos seus proxenitores, e ante a situación clínica solicitouse ambulancia e acompañamento policial durante o seu traslado ao hospital.
  • Noutra actuación, atendeuse unha situación crítica por estado de embriaguez. Á chegada dos servizos policiais e sanitarios, a persoa afectada foi estabilizada e evacuada en ambulancia, intervindo tamén no lugar Policía Nacional.

Noticias relacionadas