Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 06 de agosto de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Actuación policial en defensa das vítimas de violencia de xénero

Na madrugada do pasado domingo na rúa Xosé Novo Freire, unha chamada ao 092 alertou sobre un novo caso de violencia de xénero na vía pública. Varias testemuñas observaron como un home golpeaba a unha muller contra un vehículo e proferíalle insultos de extrema gravidade.

Ante a evidencia dos feitos, a Policía procedeu á súa detención inmediata por un presunto delito de violencia de xénero. Ofreceuse en todo momento acompañamento á vítima, quen finalmente preferiu non acudir nese momento a dependencias policiais, optando por regresar ao seu domicilio. Os axentes informaron dos pasos para seguir e garantiron a activación dos mecanismos de protección dispoñibles.

Estas actuacións enmárcanse no protocolo integral de resposta ante casos de violencia de xénero vixente no Concello de Lugo, que inclúe intervención inmediata, activación de recursos sociais e coordinación constante entre corpos policiais. A Policía Local reitera que a protección das vítimas é unha prioridade e que se actúa mesmo en ausencia de denuncia cando se constatan indicios de delito.

A colaboración das testemuñas foi clave para a activación policial nos últimos casos. Desde a Policía Local enxálzase a quen alerta ante situacións de violencia, lembrando que unha chamada a tempo pode evitar consecuencias irreparables.

Se es vítima ou coñeces a alguén que o sexa; non estás soa, podes acudir á Policía Local, Policía Nacional ou chamar ao 016. Existen recursos gratuítos, confidenciais e 24h para axudarche.

Intervención conxunta en locais de lecer nocturno

Durante a madrugada da fin de semana, axentes da Policía Local de Lugo e da Policía Nacional realizaron dúas inspeccións en locais de lecer que presuntamente levan a cabo a súa actividade foro do permitido, operando como after-hours en zonas residenciais da cidade.

As inspeccións enmárcanse dentro do plan de control e prevención de actividades irregulares en hostalería, cuxo obxectivo principal é garantir a seguridade cidadá, previr o consumo de substancias en contornas non autorizadas e controlar o cumprimento das normativas vixentes en materia de espectáculos públicos e convivencia veciñal.

As inspeccións, realizadas de maneira coordinada polos indicativos policiais, culminaron coa identificación de 25 persoas con varias actuacións administrativas:

  • 2 actas por tenencia de substancias estupefacientes, unha delas por metanfetaminas e outra por marihuana.
  • 2 actas por desobediencia ou falta de respecto aos axentes actuantes, ao tratar de obstaculizar a inspección e negarse a identificarse inicialmente.

Desde a Policía Local lémbrase que estes controis buscan garantir unha contorna segura, tanto para os usuarios como para os veciños de Lugo. Esta actuación súmase aos controis preventivos que se realizan periodicamente para velar polo cumprimento da normativa vixente e preservar a tranquilidade nos barrios de Lugo.

Noticias relacionadas