Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Martes, 06 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

ORDE PÚBLICA con tres detencións e diversas actuacións para preservar a seguridade cidadá

Durante esta pasada fin de semana, a Policía Local desenvolveu diferentes actuacións en materia de orde pública e convivencia veciñal que se saldaron cunha persoa detida, ademais de varias denuncias administrativas por infraccións recollidas na Lei Orgánica 4/2015, de Protección da Seguridade Cidadá.

Posible caso de violencia no ámbito familiar e maltrato animal

O sábado 3 de maio, recíbese chamada telefónica alertando dunha posible agresión entre unha parella nun domicilio da Rolda das Fontiñas. Unha vez no lugar, a muller relata ter sido empurrada e insultada pola súa parella, quen tamén lle tería propinado patadas aos seus dous cans. Infórmaselle dos seus dereitos conforme ao protocolo VIOGEN e actívase dispositivo para localizar ao agresor, que marchara en vehículo particular antes da chegada policial, instruíndose dilixencias para o Xulgado correspondente, achegando os datos de identificación do presunto agresor que foran facilitados pola vítima.

Agresión durante unha disputa familiar en vivenda compartida

Pouco despois, intervíñese nunha vivenda da rúa Chantada por unha pelexa entre conviventes. Segundo o denunciante, o fillo dunha das inquilinas agredirao cun puñazo que lle provocou unha ferida na cella, mentres intentaba separar a nai e o fillo durante unha discusión. Posteriormente, a nai tamén o tería agredido. Ambos os dous presuntos agresores alegan teren sido agredidos previamente polo denunciante. Infórmase a todas as partes dos procedementos legais a seguir e instrúense dilixencias para o Xulgado correspondente.

Localización e detención do autor da agresión anterior

Ao día seguinte, nunha patrulla ordinaria pola zona, axentes da Policía Local identifican na vía pública ao presunto autor da agresión do día anterior (fillo dunha das persoas implicadas na lea familiar), procedéndose á súa detención por un presunto delito de lesións, comunicándolle os seus dereitos e sendo trasladado a dependencias policiais.

VENDA AMBULANTE: 6 denuncias en espazos públicos

Durante a xornada de mercado en Frigsa rexistráronse cinco denuncias por venda ambulante non autorizada, unha delas por comercializar produtos diferentes aos permitidos segundo a súa autorización. Ademais, denunciouse unha venda sen licenza na zona da Praza de Abastos. Todas as persoas identificadas foron propostas para sanción de 600 euros.

CONDUTAS INCÍVICAS: 4 denuncias por desobediencia e 1 por falta de respecto a axentes

Durante a semana pasada formuláronse tres intervencións por desobediencia e 1 por falta de respecto, sendo un dos incidentes máis graves o que se produciu durante unha lea na vía pública, onde unha persoa comezou a faltar ao respecto aos axentes actuantes en canto estes se baixaron do vehículo, proferindo frases ofensivas e amosando unha actitude desafiante. A intervención derivou nunha denuncia por infracción grave da Lei Orgánica 4/2015, tras negarse a ser identificado e encarar aos axentes con actitude ameazante. Estes feitos, agravados pola súa insistencia verbal e agresiva, serán valorados a efectos da graduación da sanción segundo a citada lei, podendo acadar os 30.000 euros.

Noticias relacionadas