
Pelexa en vía pública - subtracción de bicicleta
Ás 19’05 horas do venres, cando un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio realizaba patrulla preventiva pola Rúa San Fernando, observa a presenza de dous homes forcexando á altura da rúa San Froilán, polo que interveñen de inmediato para frear a pelexa. Un dos homes manifesta que viu ao outro circulando sobre unha bicicleta que é da súa propiedade e que lle fora subtraída facía unha semana, cando se atopaba na vía pública asegurada con cadea e cadeado, presentando probas da compra do vehículo e da súa titularidade.
O outro home manifestaba descoñecer a quen pertencía o ciclo, xa que llo prestou unha muller, da cal descoñecía datos de identificación ou contacto.
Os axentes entregaron a bicicleta ao que inicialmente acreditou a súa titularidade, indicándolle o procedemento para formalizar denuncia pola subtracción, xa que non o fixera ata o momento, iniciando dilixencias en dependencias policiais para deixar constancia do ocorrido.
Presunta ocupación de inmoble
Ás 17’45 horas do domingo, a Sala do 092 recibe información procedente do Servizo 112, sobre a presunta ocupación dun inmoble na parroquia de Santa Eufemia de Calde, polo que comisiona no lugar dous indicativos da Unidade Territorial de Policía de Barrio. Os axentes comproban que se trata dunha vivenda unifamiliar, con signos de abandono. Tras realizar unha inspección exterior, comproban que o enreixado posterior atópase aberto e que no acceso á vivenda hai tres persoas (unha parella e unha menor), que manifestan non ser os propietarios do inmoble e descoñecer quen o é, xa que chegaron durante esa tarde, acendendo un lume na cheminea con intención de pernoitar no lugar.
Os axentes localizan a unha testemuña, que corrobora que as tres persoas identificadas acababan de chegar ao lugar. Tamén localizan telefonicamente ao titular da vivenda, que manifesta non autorizar a ningunha persoa para introducirse na mesma, polo que se convida aos identificados a abandonar o inmoble, o que fan de inmediato, quedando ao dispor do seu titular.
Discusión familiar
Ás 5’50 horas do domingo, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasládase a un inmoble da rúa Armórica, xa que a Sala do 092 recibiu información do Servizo do 112 sobre unha discusión de parella, na que ela manifesta que desexa que o home abandone a vivenda. Os axentes localizan, no exterior do inmoble, a dúas mulleres cun bebé, manifestando unha delas que está farta de que a súa parella salga de festa todos os días, dando un mal exemplo aos seus fillos, cos que está disposta a marcharse do domicilio se non o fai el. Os axentes contactan co home, que accede a deixar o piso polo ben dos seus fillos.
Ao non existir constancia de ningún tipo de violencia, xa que ambas as partes coinciden en que só houbo unha discusión, os axentes dan por finalizado o servizo.
Uso irregular de tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade
Durante a patrulla preventiva que se realiza nas inmediacións do HULA, un indicativo de Policía de Barrio comproba que todas as prazas reservadas para o estacionamento de vehículos dotados de tarxeta para persoas con discapacidade atópanse ocupadas, polo que proceden á revisión da documentación que os automóbiles presentan no cadro de mandos, observando nunha das tarxetas algún detalle que lles fixo sospeitar da súa validez. Os axentes conseguen localizar á titular do vehículo, que manifesta atoparse no interior do hospital, sen acharse acompañada do titular da tarxeta, da cal fai uso para poder estacionar nos lugares reservados.
Os axentes confeccionan un boletín de denuncia por facer uso da reserva de estacionamento sen autorización, procedendo ademais á incautación da tarxeta, para posteriormente comprobar, a través da autoridade que a expediu, que se trataba dunha fotocopia do orixinal, polo que tamén se iniciaron dilixencias en dependencias policiais, polo que podería constituír un ilícito penal pola falsificación do documento.
Auxilio a cidadáns
Ás 12’15 horas do sábado, a Sala do 092 recibe información telefónica sobre unha muller camiñado de forma errática pola rúa Río Ser, podendo acharse baixo a influencia dalgún tipo de substancia. Se comisiona no lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio, que localiza á muller no chan, cunha evidente intoxicación etílica, polo que solicitan a presenza dunha ambulancia, que procede ao seu traslado a un centro sanitario.
Discusión entre conviventes
Ás 6’10 horas do sábado, a Sala do 092 recibe noticia sobre a existencia de varias maletas, así como restos de comida e botellas tirados en Camiño de Pipín, polo que se despraza ao lugar un indicativo de Policía de Barrio. Cando os axentes se atopan no lugar, asómase un home á xanela dun edificio contiguo, manifestando ser el quen lanzou todos aqueles obxectos desde a xanela, xa que quería que as dúas persoas que convivían con el abandonasen a vivenda; acudindo tamén unha muller, que dixo vivir no lugar e que non o quería abandonar.
O home foi informado de que sería denunciado por lanzar os obxectos á vía pública, sendo informado tamén do procedemento que había de seguir se desexaba que as outras persoas abandonasen o domicilio, quedando o problema solucionado nese momento entre ambas as partes.

