Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 03 de setembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Intervencións de Seguridade viaria entre o 25 e o 31 de agosto

Durante a última semana do mes de agosto, a Policía Local de Lugo desenvolveu diversos controis de vixilancia viaria en varios puntos estratéxicos da cidade, co obxectivo de preservar a seguridade do tráfico e previr situacións de risco. Os dispositivos centráronse no control da documentación de vehículos e condutores, así como de alcoholemia e consumo de substancias estupefacientes.

Froito destas actuacións, tramitáronse un total de 11 intervencións por alcoholemia (das cales dúas revisten carácter penal) e dous casos con presenza de drogas no organismo, o que reflicte a continuidade de condutas que poñen en serio perigo tanto ao condutor como ao resto de usuarios da vía.

Intervencións destacadas

Condución errática tras ocupar praza para persoas con mobilidade reducida

Unha patrulla observou a un condutor estacionar de forma indebida nunha praza reservada para persoas con mobilidade reducida e reincorporarse á circulación de maneira zigzagueante. Ao ser interceptado, presentaba signos evidentes de inxerir alcol. Tras as probas, lanzou un resultado de 0,49 e 0,52 mg/l en aire expirado, o que motivou a correspondente denuncia administrativa e inmobilización do vehículo.

Detección de substancias estupefacientes

Dous condutores foron interceptados con presenza de THC no organismo. En ambos os casos, procedeuse á recollida da mostra salival para o seu envío ao laboratorio e o vehículo foi inmobilizado para garantir a seguridade viaria.

Controis preventivos con resultados positivos

En varios dispositivos estáticos realizados en diferentes puntos da cidade, detectáronse múltiples condutores superando a taxa máxima permitida de alcol:

  • 0,54 e 0,57 mg/l
  • 0,36 e 0,33 mg/l
  • 0,68 e 0,64 mg/l
  • 0,44 e 0,40 mg/l
  • 0,48 e 0,47 mg/l
  • 0,35 e 0,33 mg/l

Estes resultados motivaron a correspondente denuncia e inmobilización dos vehículos, algúns dos cales presentaban outras infraccións en materia de circulación.

Dous delitos contra a seguridade viaria por alcoholemia penal

Dous condutores foron investigados penalmente ao superar amplamente os límites legais establecidos para considerarse delito contra a seguridade viaria:

  • Un deles lanzou 0,67 e 0,68 mg/l
  • O segundo, tras ser interceptado por non utilizar o cinto de seguridade, presentou síntomas evidentes de embriaguez e alcanzou 1,00 e 0,96 mg/l

En ambos os casos, instruíronse dilixencias penais por condución superando a taxa máxima permitida de bebidas alcohólicas.

A pesar das continuas mensaxes de prevención, campañas informativas e controis regulares, segue sendo preocupante a cantidade de condutores que deciden poñerse ao volante tras consumir alcol ou drogas. Desde a Policía Local de Lugo insistimos en lembrar que a seguridade viaria é unha responsabilidade compartida. As infraccións detectadas non son unha estatística baleira: cada unha representa un risco real para as persoas e os propios infractores.

Existe unha alta implicación no conxunto de axentes que, tanto desde unidades de patrullas como desde atestados, con profesionalidade e eficacia, demostran o seu compromiso constante, como útil ferramenta para combater condutas imprudentes e protexer a integridade de todas as persoas que circulan polas rúas de Lugo.

Se vas conducir, non consumas alcol nin drogas, evita calquera distracción ao volante e se ves a alguén que o fai, actúa con responsabilidade e evita que colla o coche. A Policía Local de Lugo continuará traballando con firmeza na protección de todos.

Noticias relacionadas