
No marco dos dispositivos semanais de prevención e control da seguridade viaria na cidade de Lugo, a Policía Local desenvolveu distintas intervencións orientadas á detección e erradicación de condutas de risco para a circulación. Durante a semana instruíronse dilixencias penais e administrativas nas seguintes actuacións:
Condución baixo os efectos do alcohol e sen permiso de condución
Axentes da Policía Local procederon a interceptar un turismo cuxo condutor realizaba unha circulación errática, a velocidade anormalmente reducida e con sinais de condución contraditorias. Tras a identificación, comprobouse que o condutor carecía de calquera tipo de permiso de condución, arroxando ademais unha taxa de alcoholemia de 0,77 e 0,68 mg/l en aire expirado. A acompañante recoñeceu ser consciente desta circunstancia, polo que tamén foi citada como cooperadora necesaria. Instruíronse dilixencias por senllos delitos contra a seguridade viaria. Este tipo de actuacións reflicten a importancia dos controis preventivos e a vixilancia permanente, xa que situacións como esta supoñen un risco gravísimo para a seguridade de todos os usuarios da vía pública.
Ciclista con taxa de alcoholemia extremadamente alta
Na avenida da Coruña, detectouse a circulación dun ciclista cunha taxa de alcohol de 1,10 mg/l, moi superior incluso á que desencadearía unha imputación penal no caso de condutores de vehículos a motor. Este caso é especialmente significativo: os usuarios de bicicletas están igualmente obrigados a respectar a normativa e a someterse ás probas de detección. Circular neste estado supón un risco directo tanto para o propio ciclista como para peóns e demais vehículos. A rápida actuación policial evitou posibles consecuencias maiores.
Filtro específico de alcohol e drogas
No marco dun filtro de control preventivo desenvolvido na zona centro da cidade, detectáronse varios casos positivos:
- Dous condutores cunha taxa de 0,37 mg/l e 0,40 mg/l.
- Outro condutor cunha taxa de 0,34 mg/l.
Estes resultados volven evidenciar a necesidade de manter este tipo de vixilancia en zonas e franxas horarias especialmente sensibles.
Todas estas actuacións responden ao obxectivo fundamental de previr sinistros viarios e protexer á cidadanía. Os controis son permanentes e aplícanse de maneira rigorosa para detectar comportamentos que, como os aquí descritos, poderían ter tido consecuencias moi graves. O compromiso dos axentes nestas intervencións e a colaboración cidadá segue sendo esencial para manter unha mobilidade segura nas nosas rúas.
Intervencións asistenciais: protección e acompañamento en situacións de vulnerabilidade
Durante a pasada semana, a Policía Local de Lugo interveu en distintos servizos de carácter humanitario e asistencial, ofrecendo apoio a persoas en situación de vulnerabilidade nos seus domicilios ou na vía pública.
Persoa desorientada nun domicilio
En resposta á chamada dunha muller que non conseguía contactar co seu irmán enfermo, os axentes desprazáronse ao domicilio. A través da porta, o afectado respondía pero non conseguía abrila. Ante a sospeita de que puidese atoparse en mal estado, e coa colaboración dun cerraxeiro, accedeuse ao interior. O home atopábase no sofá con síntomas de desorientación, sen recoñecer á súa familiar nin responder coherentemente. Os servizos sanitarios valoraron a situación e procederon ao seu traslado ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
Auxilio en domicilio: persoa de avanzada idade tras caída da cama
Os axentes foron requiridos noutro domicilio para auxiliar a unha muller de 91 anos que se caera da cama. Tras comprobar que non presentaba lesións, os actuantes incorporárona coidadosamente, deixándoa en posición segura, acompañada da súa filla.
Axuda a persoa maior en domicilio tras caída
Noutro servizo, un cidadán de avanzada idade solicitou auxilio porque a súa esposa caera no domicilio e non podía incorporala. Os axentes acudiron de inmediato, axudando a levantala e sentala de forma segura na súa cadeira de rodas, sen precisar asistencia sanitaria.
Estas actuacións, moitas veces invisibles, forman parte esencial do labor policial de proximidade e protección á cidadanía, especialmente cando se trata de persoas de idade avanzada ou con dificultades de saúde, cuxo obxectivo está en axudar a quen máis o necesita.

