Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 03 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

A Policía Local actúa contra condutas incívicas que alteran a convivencia e afectan ao benestar común

Durante a xornada do pasado 28 de marzo, axentes da Policía Local de Lugo tiveron que intervir en diversas ocasións debido á conduta incívica e persistente dunha persoa que xerou molestias, alteracións na vía pública e puxo en risco tanto a súa integridade como a de terceiros.

A intervención na zona noroeste da cidade iniciouse tras varias chamadas veciñais alertando da presenza dunha muller desorientada e tirada na calzada a plena luz do día, requirindo un seguimento activo, preventivo e continuado por parte das patrullas de servizo, que actuaron en todo momento con proporcionalidade, contención e dilixencia.

A pesar dos intentos de mediación por parte dos axentes para reconducir a situación —incluíndo o aviso a servizos sanitarios e o acompañamento ata o seu domicilio—, a persoa implicada persistiu nas súa actitudes incívicas, poñéndose varias veces no medio da calzada, increpando a viandantes e persoal dos establecementos, negándose a colaborar e mostrando unha actitude violenta e de resistencia activa fronte aos axentes. A intervención culminou coa detención desta persoa por resistencia grave e desobediencia aos axentes da autoridade, tras ter sido advertida e asistida en múltiples ocasións sen éxito.

Dende a Xefatura da Policía Local de Lugo lémbrase que a tolerancia con actitudes incívicas que alteran a convivencia ou comprometen a seguridade cidadá é cero, e que este tipo de intervencións forman parte do compromiso diario dos axentes co benestar de todos. O obxectivo é protexer o espazo público como lugar de convivencia, respecto e tranquilidade, actuando cando sexa necesario e garantindo que os comportamentos reiterados que afectan á cidadanía non queden sen resposta.

Denuncias por condutas incívicas durante a fin de semana

Na mesma liña, durante a pasada fin de semana tramitáronse na zona centro da cidade tres denuncias por ouriñar na vía pública, unha práctica prohibida pola Lei 6/2021 de residuos e solos contaminados de Galicia, que contempla sancións económicas de ata 900 euros para infraccións deste tipo. Estas accións forman parte das labores ordinarias de vixilancia e control do espazo público, cuxo obxectivo é garantir a hixiene urbana, o respecto ao entorno e a convivencia veciñal.

Noticias relacionadas