
Dispositivo conxunto de Policía Local e Policía Nacional de inspección de establecementos de lecer
Na madrugada do domingo día 29 de xuño, efectivos da Policía Local de Lugo e da Comisaría da Policía Nacional desta cidade estableceron un dispositivo conxunto para o control e inspección de diferentes locais de lecer, situados un deles na rúa Tui, outro no barrio da Milagrosa e outro na zona de Recatelo.
Como consecuencia deste dispositivo levantáronse diversas actas por infracción á normativa de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas, especialmente no que respecta á carencia de carteis obrigatorios en canto á prohibición de alcohol a menores, prohibición de fumar, existencia de follas de reclamacións, etc.; carencia de licenza no propio local; carencia de documentación da máquina recreativa ou extintores non visibles, principalmente.
Realizáronse 31 identificacións e 2 actas por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, por obstrución á actividade inspectora e por tolerancia do consumo ilegal de estupefacientes.
Así mesmo, procedeuse á detención dunha persoa por delito de atentado a axentes da autoridade, sendo trasladada a dependencias da Comisaría Provincial da Policía Nacional onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda.
Desobediencia a axentes da autoridade
Na mañá do día 30 de xuño unha patrulla da Policía Local de Lugo acudiu ao parque infantil do Sagrado Corazón xa que na zona de obras alí existente había dúas persoas sentadas nun banco, dentro da zona valada da obra, entorpecendo os traballos e supoñendo un grave risco para a súa integridade física pola maquinaria e grandes palés que se moven debido ás obras, sendo requiridos polos axentes para que abandonasen o lugar, negándose a facelo.
Ante os requirimentos dos axentes de que, se persistían na súa actitude, poderían incorrer nun ilícito penal, un deles identificouse e abandonou o lugar, e a outra persoa foi conducida a dependencias policiais para a súa completa identificación, sendo denunciados por infracción á Lei de Seguridade Cidadá por desobediencia a axentes da autoridade, sendo propostos para sanción, que no seu grao máximo podería acadar os 30.000 euros. (Foto)
Dispositivo especial de venda ambulante non autorizada
Con motivo da celebración do tradicional mercadiño semanal no Parque da Milagrosa, efectivos da Policía Local de Lugo estableceron un dispositivo especial, levantando SEIS actas de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, por ocupación de espazo público para venda ambulante non autorizada, sendo sancionadas estas seis persoas con 600 euros de multa.

