
Denuncia por vertidos de residuos nunha zona natural protexida
No marco das actuacións específicas contra os vertidos incontrolados de residuos en zonas rurais e espazos sensibles da cidade, a Policía Local de Lugo logrou interceptar in fraganti a unha persoa que se dispoñía a verter sacos de entullo nunha contorna natural, grazas a un dispositivo especial de vixilancia.
Esta intervención é o resultado directo do labor continuado que vén realizando para atallar unha problemática crecente e que xera un notable impacto ambiental, estético e de salubridade en zonas do municipio onde se detectaron acumulacións reiteradas de restos de obra, mobiliario e aveños abandonados.
Por mor deste repunte activouse o pasado 24 de marzo un dispositivo de vixilancia específica mediante vehículos policiais camuflados nunha das zonas xa referenciadas por acumulación de residuos. Os axentes asignados ao operativo, coordinados e coñecedores do terreo, permaneceron ocultos en distintas zonas contiguas, realizando unha espera prolongada.
Os axentes detectaron a chegada dunha camioneta caixa aberta que accedeu á zona. O condutor comezou a realizar manobras de posicionamento do vehículo marcha atrás, orientando o portón do remolque directamente cara á zona de vertedura. Foi entón cando, no momento que iniciou a descargar, os axentes procederon á súa identificación, ordenándolle que cesase na súa acción.
O vehículo transportaba 13 sacos de obra rotulados, de características e elementos refugados similares a outros atopados previamente no mesmo lugar, así como restos de marcos de aluminio e outros materiais de construción.
Os axentes procederon á identificación do responsable e procedeuse a formular a correspondente denuncia por infracción á Lei de Residuos de Galicia, ao tratarse dun feito especialmente grave pola súa reincidencia e por desenvolverse nunha zona de leiras con alto valor ambiental, podendo chegar a sanción aos 45.000 euros.
Esta intervención non só pon de manifesto a eficacia do traballo policial que actúa con planificación e discreción, senón que ademais reforza a mensaxe interna de que cada servizo ten unha finalidade concreta e responde a unha necesidade real: protexer o patrimonio natural de Lugo e actuar ante condutas incívicas que atentan contra a contorna de todos.
Intervención policial evita incidentes con dous cabalos soltos en plena calzada
A mañá do pasado 28 de marzo, a Policía Local de Lugo recibiu varias chamadas de emerxencia alertando da presenza de dous cabalos soltos en plena Avenida Infanta Elena, na intersección coa Avenida Benigno Rivera, xerando unha situación de alto risco para a circulación nunha das arterias principais de acceso á cidade.
Grazas á rápida intervención policial, os animais, que trotaban desorientados en metade da calzada e xeraban un evidente risco para a circulación, foron interceptados e asegurados de forma provisional, quedando atados a unha árbore na beirarrúa de rúa da Industria. Poucos minutos despois, unha unidade da Policía Local fíxose cargo da situación, asumindo a custodia dos cabalos, xestionando a súa identificación e coordinando o seu posterior traslado.
Un dos equinos contaba co microchip identificativo, mentres que o segundo carecía deste elemento obrigatorio, dificultando a rastrexabilidade do propietario. Tras as xestións oportunas, localizouse aos responsables dos animais, que manifestaron a súa vontade de recollelos e garantir o seu regreso a unha leira cercada nas inmediacións do Polígono do Ceao, onde quedaron baixo vixilancia.
Ademais do risco evidente para a seguridade viaria, esta situación representa unha infracción á normativa de tráfico e á lexislación de sanidade animal, polo que se formularon as denuncias correspondentes pola falta de custodia e pola carencia de microchip identificativo.
A Policía Local lembra que deixar animais sen vixilancia non só pode constituír unha infracción, senón que pode derivar en situacións de gravidade para condutores, peóns e os propios animais. Por iso, apélase á responsabilidade dos propietarios para garantir unha contorna máis segura e evitar incidentes innecesarios.



