
Discusións familiares
Durante a mañá do domingo, a Sala do 092 recibe chamada telefónica informando dun mozo que chegara a casa tras a noite de festa e que comezará a golpear as portas da vivenda e a causar desfeitas na mesma, polo que se despraza ao lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio. Os axentes son recibidos pola requirente, nai do mozo, que manifesta non ser agredida en ningún momento, que simplemente se alterou un pouco, polo que, tras comprobar que o mozo se atopaba tranquilo e non se observa ningún tipo de desfeita no domicilio, os axentes dan por finalizado o servizo.
Ás 3’30 horas do sábado, os axentes tamén interveñen nunha discusión familiar nun domicilio do Sagrado Corazón, onde unha nai non permitía o acceso ao seu fillo, xa que chegara máis tarde da hora establecida. Despois da mediación dos axentes ambas as partes chegaron a un acordo e o mozo puido acceder ao domicilio.
Ás 2’20 horas do martes 26 a Sala do 092 comisiona un indicativo do Grupo Operativo Nocturno nun domicilio da rúa Illas Canarias, onde hai unha discusión de parella con berros en ton moi elevado. Os axentes comproban que o home se atopa na rúa e a muller no domicilio dunha veciña, manifestando discutir acaloradamente pero sen ningún tipo de agresión, accedendo o home á vivenda para recoller varios obxectos persoais con acompañamento policial, para pasar a noite fóra e durante o día seguinte, cando se atopen máis acougados, tratar de solucionar as súas diferencias.
Auxilio a cidadáns
Ás 20’45 horas do mércores 27, unha condutora do bus urbano informa á Sala do 092 da presenza dunha persoa desorientada na Avenida Infanta Elena, polo que se traslada ao lugar unha patrulla de Policía de Barrio, comprobando que se trata dun home, de 78 anos de idade, que non sabe onde está, requirindo colaboración dos policías para trasladarse á estación de autobuses. Durante a intervención, os axentes observan que o home se atopa totalmente desorientado e presenta incoherencias nas súas respostas, polo que requiren a presenza dunha ambulancia, que decide o seu traslado a un centro sanitario para unha mellor valoración.
Ás 13’25 horas do xoves 27 unha patrulla de Policía de Barrio trasládase á rúa Otero Pedrayo, onde un viandante alerta da presenza dun menor só na galería exterior dunha vivenda. Á chegada dos axentes, o requirente atópase acompañando e tranquilizando ao menor, que resultou ter 6 anos, desde a vía pública. O menor dixo que se espertou só en casa e que logo chegara unha muller, á que case non coñece, pero que non lle facía caso.
Os axentes contactan coa muller que se atopa no domicilio, que di ter unha habitación no lugar e fala telefonicamente coa avoa do menor, que se presenta aos poucos instantes e faise cargo do neno, manifestando estar a tomar café cunha veciña do mesmo edificio.
Molestias por ruído
Durante a primeira hora da noite do sábado, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno foi comisionado nunha vivenda da Avenida da Coruña debido ás queixas polas molestias creadas polo volume da música procedente dun domicilio. Os axentes poden comprobar que a música e os berros escóitanse perfectamente desde a vía pública, polo que contactan coa moradora do piso, informándolle das molestias que estaban a causar e indicándolle que ha de baixar o volume da música, quedando decatada diso. Ás 3’00 horas os axentes teñen que regresar ao lugar, xa que as molestias continúan, advertindo á muller das consecuencias de facer caso omiso ás advertencias policiais, sendo finalmente denunciada por unha presunta infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, xa que sendo as 3’40 horas tiveron que volver de novo, ao continuar a situación nas mesmas condicións.
Ás 2’45 horas do xoves 28, os axentes do Grupo Operativo Nocturno trasladáronse a un domicilio da Rolda do Carme, onde un veciño queixábase de molestias polo ruído procedente doutra vivenda. Os axentes comproban que se escoita música con volume elevado e varias voces, polo que contactan co residente no lugar, cesando as molestias de inmediato.
Similar actuación levou a cabo nun domicilio de Túnel de Oural, ás 2’20 horas do mesmo día, cesando tamén as molestias coa presenza policial.
Denuncias por subtracción
Durante a mañá do xoves 21, a Sala do 092 recibe información sobre un individuo, facendo uso dunha machada, estaba a romper a cadea que suxeitaba unha bicicleta. Trasládanse ao lugar varios indicativos policiais, que localizan a un home suxeitando unha bicicleta, o cal é identificado, manifestando que o ciclo é propiedade doutro home que reside nas inmediacións, que sería identificado máis tarde e que declararía que non tiña factura de compra, xa que intercambiaría a bicicleta cun familiar que reside fóra da cidade.
No momento da intervención, preséntase outro home, manifestando que tres mulleres, das que achega descrición completa subtraeran un triciclo que se atopaba ás portas dun establecemento público próximo, tendo coñecemento de que as mulleres residen no mesmo domicilio que o home que estaba a ser identificado polo asunto da bicicleta.
Facendo uso dos datos facilitados por algunha testemuña, os axentes localizan un vehículo estacionado nas inmediacións e proceden a un rexistro do mesmo, achando no maleteiro a machada utilizada, a cadea, unha pata de cabra, unha ganzúa e unha barra metálica, todo o cal é incautado, xunto á bicicleta, para investigacións posteriores.
Os policías tamén se trasladan ao domicilio, onde proceden á identificación das tres mulleres (unha delas menor de idade), que fan entrega voluntariamente do triciclo presuntamente subtraído.
Os obxectos incautados son depositados en dependencias policiais, onde se continúan investigacións para tentar identificar a súa procedencia; instruíndo dilixencias pola presunta subtracción dos mesmos.
Incendio
Durante a tarde do venres 22, axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio trasládanse ao Carqueixo, onde o Servizo 112 alertou sobre a queima descontrolada de pneumáticos. Os axentes comproban que se trata dun lume en varios electrodomésticos, que é sufocado polo Servizo de Extinción de Incendios, aínda que tamén comproban que a poucos metros hai un gran número de pneumáticos amontoados, os cales foron posteriormente retirados polo Servizo de Limpeza para evitar que poidan prender lume e afectar á masa forestal próxima.
Ás 5’45 horas do mércores 27, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno que realiza patrulla preventiva pola Avenida de Magoi, observa que un contedor de residuos está a arder, polo que require de inmediato a presenza do Servizo de Extinción de Incendios, procedendo ata a súa chegada para retirar do lugar varios contedores máis para evitar que se vexan afectados. Os axentes protexen o lugar durante as tarefas de extinción.

