COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Mércores, 12 de marzo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Presunto delito de maltrato no ámbito familiar

Á 1:05 horas do martes 11 a Sala do 092 recibe requirimento dunha muller que di ter sido agredida polo seu fillo. De inmediato preséntase no domicilio un indicativo do Grupo Operativo Nocturno, que é recibido por un home, que manifesta que a súa muller e o seu fillo discutiron e parécelle que este último golpeou a muller cun cinto, se ben el non estaba presente. Os axentes entrevístanse coa muller, que di ter sido agredida polo seu fillo, que a agrede fisicamente todas as semanas, polo que teme pola súa integridade, manifestando a súa intención de formalizar denuncia. Por dito motivo, os axentes proceden á detención do fillo, de 29 anos de idade, sendo trasladado a dependencias policiais para a instrución das correspondentes dilixencias.

Ás 21:00 horas do luns 10, a Sala do 092 recibe información dunha forte discusión familiar nun domicilio, onde se escoitan berros e golpes, existindo a posibilidade de que un fillo estea a agredir á súa nai. De inmediato trasládase ao lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio, que contacta cos requirentes do servizo, que din ter escoitado unha forte discusión e que unha muller dicía “non me vas pegar máis”, tras o cal se oíu unha porta pechándose de forma violenta. Os axentes chaman en repetidas ocasións ao domicilio en cuestión, sen que reciban resposta algunha, polo que, tras realizar as indagacións oportunas, conseguen averiguar o teléfono da muller que reside nel, a través do cal contactan con ela, informándolle de que son axentes da Policía Local e que están chamando á porta da súa vivenda, momento no que ela lles facilita o acceso, manifestando ter sido agredida polo seu fillo que, tras discutir, lle propinara un puñazo na cabeza, sucedendo noutras ocasións, cando non lle daba diñeiro. Por todo iso, os axentes proceden á detención do fillo, de 44 anos de idade, que se atopaba no interior da vivenda, sendo trasladado a dependencias policiais para a tramitación das dilixencias correspondentes.

Auxilio a cidadáns

Ás 18:50 horas do luns, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio que realizaba patrulla preventiva pola Rolda da Muralla observa unha persoa tendida sobre a beirarrúa, acompañada doutras dúas persoas. Os axentes averiguan que dita persoa perdera a consciencia cando camiñaba pola rúa, evitando un dos seus acompañantes que se golpease na caía. Os axentes trasladan a muller á beirarrúa contraria para que estea a cuberto, xa que nese momento chovía, esperando á chegada dos servizos sanitarios, que realizan a asistencia no mesmo lugar, sen que entendan necesario o traslado a un centro hospitalario.

Auxilio a persoas

Ás 5:40 horas do martes, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse a un domicilio da rúa Lamas de Prado, onde un home requiría intervención policial xa que escoitaba ao seu veciño pedir auxilio. Os axentes contactan coa muller desde o exterior da vivenda, conseguindo que abrira a porta, manifestando que se sentira mal despois de tomar as súa pastillas, caéndose ao chan. Os axentes comprobaron que non tomara as pastillas tal e como as tiña pautadas, polo que poderían terlle sentado mal, motivo polo cal se solicitou a presenza de servizos sanitarios, que finalmente decidiron o seu traslado a un centro hospitalario. Dáse traslado aos Servizos Sociais de todo o actuado e demais indagacións realizadas sobre as circunstancias de vida da muller, de 92 anos de idade.

Detención por ameazas e portar armas brancas

Ás 22:25 horas do martes, a Sala do 092 recibe información sobre un home cun coitelo e un bastón ameazando a xente na Avd. da Coruña, polo que se desprazan ao lugar varios indicativos do Grupo Operativo Nocturno, que contactan co requirente, que informa de que dous homes abriran a porta do seu local e, xesticúlandos cos coitelos (ambos portaban un que recolleran dunha xardineira) e o bastón, ameazaran os presentes, anque non desexaba presentar denuncia, achegando un vídeo no que se observan as características físicas dos mesmos. Os axentes localizan o home nas inmediacións, acompañado doutro, procedendo ao seu cacheo, sen que se lles atope ningún tipo de arma.

Ás 23:30 recíbese unha nova chamada no mesmo sentido, sendo os individuos localizados na confluencia coa rúa Ramiro Rueda, sen que se lles atope ningunha arma, se ben se persoa o primeiro requirente informando de que desexa formalizar denuncia polos feitos ocorridos ás 22:25 horas, motivo polo cal, tras comprobar nas bases de datos policiais que a un dos suxeitos lle figura unha prohibición de portar armas e ao outro un requirimento xudicial para averiguación de domicilio, os axentes proceden á detención de ambos, sendo trasladados a dependencias policiais para a instrución das correspondentes dilixencias. Durante un momento da intervención prodúcese un forcexeo entre os requirentes do servizo e os dous homes, debendo mediar os axentes presentes, un dos cales resultou lesionado nunha man.

Intervención de armas brancas

Durante a tarde do martes, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio localiza un vehículo circulando pola rúa Progreso sen a debida autorización, motivo polo cal procede a deter a súa marcha. Os axentes comproban que o interior do vehículo desprende un forte cheiro ao que parece algún tipo de droga e que os catro ocupantes do automóbil teñen antecedentes por roubos con violencia, polo que proceden ao cacheo dos catro homes e ao rexistro do turismo. A un dos homes ocúpaselle, entre as súa roupas, un coitelo e unha navalla; e a outro deles, na porta do asento que ocupa, nun lugar de rápido acceso, outro coitelo de características similares. Por todo iso confeccionánse senllas actas de intervención e actas - denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá.

Noticias relacionadas