Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 24 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Incumprimento medidas preventivas con motivo do COVID-19

Durante esta fin de semana con motivo dos dispositivos organizados para o control do cumprimento das medidas preventivas establecidas con motivo do COVID-19, as patrullas da Unidade Territorial de Policía de Barrio, observaron diversos incumprimentos, con motivo dos cales confeccionaron varias actas de denuncia:

Dúas por incumprimento do horario máximo de apertura, unha delas nun establecemento da rúa Salvador de Madariaga, sendo as 1:45 horas do día 23; e outra nun local da rúa Río Lor, ás 1:50 horas do 22 de agosto.

Unha por incumprimento de prohibición de apertura aos locais de lecer nocturno, nun establecemento da rúa da Cruz, sendo as 12:45 horas do día 21, cando xa fora denunciado, polo mesmo motivo, durante a noite anterior, sendo advertido de que, ao tratarse dun local catalogado como de lecer nocturno, non podía abrir ao público.

Tres por incumprimento da prohibición de consumo de alcol na vía pública, a tres mozos que, sendo as 3:22 horas do día 24, atopábanse facendo botellón na rúa Caravel, á vez que escoitaban música a través dos altofalantes dun automóbil que permanecía coas portas abertas, coas consecuentes molestias para a veciñanza.

Catro por non facer uso da máscara obrigatoria, na avenida da Coruña, Praza de Augas Férreas e Rúa da Raíña, sendo identificado este último ao observar os axentes que, ao aproximarse ao lugar, o suxeito tentaba esconderse tras unha árbore.

Animais potencialmente perigosos na vía pública en situación irregular

Con motivo doutra actuación policial, cando unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno, atópase na rúa Aquilino Iglesias Alvariño, observa a presenza dun mozo, de 20 anos de idade, que se achaba na citada vía con dous cans, en aparencia dos catalogados como potencialmente perigosos, os cales deambulan soltos, sen facer uso de correa de control e sen boceira, motivo polo cal proceden á identificación do rapaz, solicitándolle a preceptiva documentación de ambos animais, a cal non presenta ao manifestar non portala consigo, tal e como viría obrigado a facelo. Os policías fan uso do lector de microchip que reciben como dotación e comproban que ambos os animais atópanse marcados co chip obrigatorio, tratándose dun “American Pit Bull Terrier” e un “Staffordshire”, ambos incluídos na normativa reguladora dos animais potencialmente perigosos.

Despois de realizar as comprobacións oportunas e debido á importancia de cumprir a regulamentación que afecta a estes animais, os axentes levantan actas de denuncia polos seguintes incumprimentos:

- Ter cans potencialmente perigosos carecendo de licenza municipal.

- Omitir a inscrición de cada un dos animais no Rexistro Municipal de Cans Potencialmente Perigosos.

- Acharse o animal nun lugar público sen facer uso de boceira e sen estar suxeito por unha cadea.

- Non subscribir o seguro de responsabilidade civil obrigatorio para estes animais.

- Levar máis dun can potencialmente perigoso por vía pública (xa que, aínda estando en posesión de licenza municipal para a súa tenencia e control, só se pode saír á vía pública cun animal cada vez).

Presunto delito de violencia de xénero

Ás 12:12 horas do día 23 recíbese unha chamada telefónica, na Sala do 092, na que se informa de que, dentro dun inmoble da rúa Julia Minguillón escóitanse os berros dunha muller e que “unhas persoas están a golpear a unha muller”, motivo polo cal se desprazan ao lugar varias patrullas da Unidade Territorial de Policía de Barrio. Unha vez no lugar, os policías atópanse cunha muller sentada no portal da vivenda, chorando e sangrando por un dedo da man, a cal manifesta que, instantes antes, fora agredida polo seu marido, que a agarrou do pescozo e deulle unha puñada, tirándoa ao chan, con motivo do cal presentaba varias lesións e doíase de varias molestias polo corpo; tras o cal o home ausentouse do domicilio.

De forma inmediata actívase o protocolo para asistencia de vítimas de violencia de xénero, procedendo ao traslado da muller a un centro sanitario, estando acompañada en todo momento por unha patrulla policial. Á vez que esta patrulla presta o auxilio e acompañamento necesario á vítima, organízase un dispositivo de procura do presunto autor polas inmediacións do domicilio, sen que inicialmente dese como resultado a súa localización, polo cal se continúan dilixencias para poñer todo o ocorrido en coñecemento do Xulgado Especializado en Violencia de Xénero.

Agresión en vía pública

Ás 18:02 horas do día 23 a Sala do 092 recibe aviso de que un home, do que achega descrición, estaba a agredir a unha muller na rúa Lamas de Prado, golpeándolle cun teléfono móbil na cara e propinándolle dous “lapotes”, tras o cal ambas persoas abandonan o lugar en direccións opostas. De inmediato organízase un dispositivo coas patrulla dispoñibles da Unidade Territorial de Policía de Barrio e, aínda que a muller non puido ser localizada, os axentes conseguiron atopar ao home nunhas galerías comerciais da Rúa da Xesta, comprobando que presentaba claros signos de embriaguez, mostrando dificultade para manter o equilibrio.

O suxeito manifesta discutir cunha amiga, pero sen chegar á agresión física, motivo polo cal se confecciona o informe oportuno, á espera dunha posible denuncia da muller afectada.

Colaboración con 061: Persoa maior agresiva

Ás 00:05 horas do día 22 a Sala do 092 recibe un requirimento do Servizo 112 para colaborar cunha dotación do 061 en actuación que teñen que levar a cabo nunha vivenda da avenida de Ramón Ferreiro. Se comisiona no lugar unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno, que comproba que hai unha persoa na galería dun sexto piso proferindo berros e lanzando obxectos ao exterior.

Os policías, acompañados dunha médico e técnicos do 061, acceden ao domicilio, conseguindo os axentes tranquilizar ao ancián, de 93 anos de idade, acompañándoo ao salón para poder ser atendido polos servizos sanitarios, que posteriormente proceden ao seu traslado ao Hula para unha mellor valoración. No lugar preséntase tamén unha sobriña do home, que lle acompaña no seu traslado e faise cargo das chaves do domicilio.

Acceso de varios mozos ao recinto do CEIP de Casás

Ás 16:10 horas do día 21, cando unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio realiza vixilancia preventiva por rúa Orquídea, observa varios ciclomotores estacionados fronte ao colexio de Casás, motivo polo cal, tras realizar un percorrido polo exterior do mesmo, os policías deciden realizar unha inspección do interior do recinto, localizando a dez mozos, todos eles menores de idade, que se atopaban reunidos no patio cuberto da parte infantil, notando un forte cheiro a tabaco e comprobando que había numerosas cabichas no chan, así como cristais rotos.

Como consecuencia da actuación, ademais de requirir aos mozos para que abandonasen as instalacións, foron avisados os seus respectivos proxenitores, informándolles do ocorrido. Tamén foi informada da incidencia a directora do centro, por se estimaba oportuno adoptar algún tipo de medida a maiores, como podería ser a desinfección da zona afectada, manifestando a súa intención de enviar unha brigada de limpeza.

Persoa con ataque de ansiedade no interior de vehículo

Ás 23:48 horas do día 23, a Sala do 092 recibe unha chamada informando de que no interior dun turismo, estacionado na rúa San José, hai unha moza que parece non atoparse ben. Os axentes do Grupo Operativo Nocturno comisionados no lugar, comproban que se trata dunha muller que di sufrir un ataque de ansiedade, motivo polo cal é asistida polos sanitarios dunha ambulancia do 061 que se require no lugar.

Os policías permanecen coa moza ata que se presenta unha amiga, que a acompañará ao seu domicilio, xa que, tras a revisión sanitaria, di atoparse ben.

Agresión entre dous individuos en vía pública

Ás 19:13 horas do día 23, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio é comisionada na avenida das Fontiñas, onde se está producindo unha agresión entre dous suxeitos. Unha vez no lugar, inicialmente contactan cun home que di que, instantes antes, fora agredido por outro home ao chamarlle a atención por non facer uso da máscara. Tras realizar un percorrido pola zona, os policías localizan ao outro home, que confirma tanto a agresión como o motivo. Ao non presentar lesións aparentes ningún dos implicados, indícanselles os pasos necesarios que deben dar para presentar denuncia.

Intento de furto

Ás 8:30 horas do día 23, cando dous axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio patrullan pola Praza Maior, observan como unha muller atópase agachada, fronte ao enreixado de peche dun establecemento hostaleiro, tentando subtraer unha empanada que deixaran para o devandito local entre o enreixado de peche e a porta de entrada. Procédese á identificación da muller e, en canto o establecemento abre ao público, comunícase o sucedido á súa encargada.

Caída de persoa maior no seu domicilio

Ás 19:15 horas do día 22, a Sala do 092 comisiona unha patrulla nunha vivenda da rúa Narciso Peinado, xa que se recibiu aviso dunha persoa maior que se caeu no interior do seu domicilio, estando unicamente acompañada da súa filla, que non é capaz de levantala. Unha vez no lugar, tras valorar a situación, declinando a afectada, de 95 anos de idade, calquera tipo de asistencia médica, os policías auxilian á muller para que se poida levantar.

Noticias relacionadas