
Presunto delito de atentado a axente da autoridade
Ás 19’25 horas do xoves, unha dotación da Unidade Territorial de Policía de Barrio é comisionada na rúa Tino Grandío, onde, segundo chamada recollida no Servizo 112, había unha muller ebria e que inxerira pastillas que se atopaba moi alterada e estaba en compañía de dous homes. Unha vez no lugar, os axentes proceden á identificación de tres persoas. Mentres os policías realizaban indagacións para pescudar o que podía ocorrer, a muller tenta ausentarse do lugar, indicándolle unha axente que debería esperar á finalización das xestións policiais, momento no que a muller lle propinou unha puñada na cara, á altura do ollo, polo que tivo que ser reducida e traslada ao PAC de referencia, onde continuaba coa súa actitude agresiva, tendo que ser suxeitada polos axentes, xa que golpeaba coa súa cabeza contra as mesas. O persoal sanitario determinou que era necesario o seu traslado ao HULA para unha mellor valoración, sendo trasladada en ambulancia con custodia policial.
Unha vez no HULA, a muller continúa coa mesma actitude, acometendo contra as persoas presentes, ata que finalmente puido ser sedada. Posteriormente a muller foi posta en liberdade, á espera do que determine a Autoridade Xudicial, unha vez reciba as dilixencias que se instrúen por un presunto delito de atentado contra axente da autoridade.
Presunta subtracción de teléfono móbil
Ás 3’45 horas do venres, a Sala do 092 recibe información sobre unha persoa que estaba a tentar utilizar varias tarxetas bancarias e un teléfono móbil , que se sospeita que non son da súa titularidade. Un indicativo do Grupo Operativo Nocturno localiza nas inmediacións a un suxeito que coincide coa descrición facilitada, o cal, aparentemente, atópase en estado ebrio e non é capaz de achegar datos sobre a súa filiación nin sobre os obxectos que porta (teléfono móbil, tarxeta de transporte, dúas tarxetas de crédito de entidades bancarias distintas e un frasco de perfumería).
O suxeito é trasladado a dependencias policiais, onde se procede á súa identificación e á incautación dos obxectos detallados, xa que se puido pescudar que o móbil fora subtraído a un individuo que tamén inxerira gran cantidade de alcol. Tamén se lle incautou unha pequena cantidade de “hachis” e “marihuana” que portaba en tres bolsas plásticas, sendo denunciado por unha infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá por devandito motivo.
Os obxectos incautados quedan ao dispor do que se determine nas dilixencias que se instrúen.
Venda ambulante sen autorización
Durante o dispositivo de vixilancia e control levado a cabo pola Unidade Territorial de Policía de Barrio, durante a mañá do venres, nas inmediacións da Praza de Abastos, foron localizadas dúas mulleres que levaban a cabo a exposición de artigos para a súa venda, carecendo da correspondente autorización municipal, motivo polo cal foron denunciadas por unha presunta infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá.
Tamén foi denunciado outro individuo, que ocupaba un dos postos do mercadillo de Frigsa para o que non tiña autorización, xa que a titularidade do devandito posto corresponde a outra persoa.
Auxilio a cidadáns
Durante o venres pola mañá, os axentes que se atopaban de servizo no mercadillo de Frigsa, auxiliaron a un home, de 66 anos de idade, que se caeu na Avd. da Coruña. O home foi asistido por unha ambulancia do 061, requirida polos axentes, aínda que se negou a ser trasladado a un centro sanitario.
Os mesmos axentes tamén requiriron a axuda sanitaria para a atención dunha muller que, presuntamente, estaba a sufrir unha crise de ansiedade. Dita muller foi finalmente evacuada a un centro médico.
Ás 7’00 horas do sábado, a Sala do 092 recibe información sobre un home inconsciente na Fonte dos Ranchos, polo que comisiona no lugar un indicativo de Policía de Barrio. Os axentes contactan coa requirente, que di atopar ao home nese estado e tapalo cunha manta. Os axentes, aínda que aparentemente non aprecian lesións no home, requiren os servizos sanitarios. Cando a ambulancia chega ao lugar e tentan asistir ao home, que resultou ter 22 anos de idade, este recupera a consciencia e négase a ser atendido, abandonando o lugar polos seus propios medios.
Durante a tarde do venres, os indicativos da Unidade Territorial de Policía de Barrio comezan a procura dunha muller, de 80 anos de idade e que fai uso dun andador, a cal, segundo informan os seus familiares, falta do seu domicilio desde as 13’00 horas do mesmo día. Ás 17’35 horas, grazas á colaboración cidadá, a anciá é achada no Parque Rosalía de Castro en perfecto estado, facéndose cargo dela os seus familiares.
Ás 5’35 horas do sábado, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse a unha vivenda da rúa Nazario Abel, onde o Servizo 061 necesitaba colaboración policial para a asistencia a un mozo que estaba a sufrir un episodio de agresividade.
Ás 19’11 horas do domingo, unha muller require aos servizos de emerxencia, xa que di ter un dedo atrapado coa porta do forno de cociña, manifestando atoparse moi mareada. Os axentes comproban que xa liberou o dedo, polos seus propios medios, resultado con lesións, polo que se require unha ambulancia, que presta asistencia no lugar, sen necesidade de traslado a centro sanitario.
Queixas por ruídos
Ás 5’35 horas do sábado, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno trasladouse a un domicilio da rúa Concello, do cal procedía música cuxo volume, que se expandía a través do patio interior, non permitía descansar aos veciños. A moradora do piso, que dixo estar a celebrar uns aniversarios, foi advertida das molestias que estaba a causar, as cales cesaron de inmediato.
Árbore caída sobre vía pública
Ás 22’50 horas do domingo, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse á Estrada de Ombreiro, onde caera unha árbore que impedía a circulación, todo iso segundo información recibida pola Sala do 092. Os axentes adoptan de inmediato as medidas necesarias para garantir a seguridade da circulación e requiren a presenza dos Bombeiros, que proceden a cortar a árbore e deixar a vía libre.
Requirimento por persoa agresiva empuñando barra de ferro
Ás 20’16 horas do domingo, a Sala do 092 recibe información sobre un individuo que se atopa na rúa Fermín Rivera, en estado moi agresivo e empuñando unha barra de ferro. Desprázanse ao lugar dous indicativos da Unidade Territorial de Policía de Barrio e tres da Policía Nacional, comprobando que se trata dun mozo que manifesta que discutira cunhas persoas que se encararon con el pero non pasara nada máis. Os axentes comproban que porta na man o pau dunha escoba, ausentándose do lugar.
Incendio
Ás 22’35 horas do domingo, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno desprazouse á parroquia de Coeses, nas inmediacións do antigo punto limpo, xa que a Sala do 092 recibira un aviso de incendio. No lugar atópanse actuando Servizo de Extinción Forestal e os axentes requiren ao Servizo de Extinción de Incendios municipal, co que se logran controlar as chamas sobre as 23’30 horas, dando o servizo por finalizado. (Foto)

