COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Mércores, 06 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Auxilio a cidadáns

Ás 00’15 horas do mércores, a Sala do 092 recibiu información sobre un mozo deitado na entrada dun local, na rúa Río Cabe, coa cabeza tapada cunha peza de vestir. Os axentes comproban que se trata dun home, de 22 anos de idade, que di atoparse ben e que pretende marcharse en autobús á mañá seguinte, carecendo de medios económicos para aloxarse nun establecemento durante esa noite, motivo polo cal se lle ofreceu a posibilidade de durmir no albergue municipal, ao cal foi trasladado polos propios axentes.

Ás 20’00 horas do martes, a Sala do 092 recibiu requirimento de colaboración, por parte do 061, para o auxilio a unha muller que se atopaba sentada na beirarrúa da rúa Serra de Ancares, chorando e nun elevado estado de nerviosismo. Os axentes comproban que se trata dunha muller, de 48 anos de idade, que anteriormente viviu nun inmoble próximo e que nese momento negábase a ser atendida ou trasladada a un  centro sanitario. Finalmente, os policías lograron contactar cun dos residentes do seu antigo domicilio, que compareceu no lugar e fíxose cargo da situación da muller.

Retirada de animal morto

Ás 16’00 horas do martes, a Sala do 092 recibiu información sobre a existencia do corpo dun cabalo morto na parroquia de Muxa de Arriba, polo que se enviou ao lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio. Os axentes comprobaron a veracidade da chamada e, aínda que inicialmente non se atopou microchip nin outro elemento identificativo do animal, iniciaron investigacións para a localización do seu propietario.

Tamén se requiriu a presenza dos servizos necesarios para a retirada do animal, para impedir que se poida producir un problema de salubridade pública.

Presunto furto en establecemento

Ás 21’05 horas do martes, cando un indicativo de Policía de Barrio realiza patrulla preventiva pola rúa San Roque observa como, a poucos metros, unha muller irrompe na calzada, deixando caer sobre a mesma varias pezas do que parece ser bixutería. Cando os axentes prestan auxilio á muller, que caera sobre o pavimento, preséntase o empregado dun establecemento próximo, que tamén axuda á muller e, á vez, informa os policías de que a mesma é coñecida no seu local por cometer furtos, os cales se atopan gravados polas cámaras de seguridade, manifestando a súa intención de denunciar os feitos actuais en canto lle sexa posible, motivo polo cal se procede á identificación da presunta autora da subtracción e á devolución dos obxectos ao establecemento.

Incendio

Ás 19’40 horas do martes, un indicativo de Policía de Barrio trasladouse ao barrio de Nazaret, debido a un aviso sobre abundante fume de cor negra. Os axentes comproban que hai unha zona na que se amontoan diversos tipos de residuos que se atopan en chamas, sobre as que están a actuar dúas dotacións de Bombeiros da Xunta de Galicia, que manifestan carecer de medios para sufocar o lume, polo que se require a presenza do Servizo de Extinción de Incendios municipal, que procede a controlar e apagar o lume por completo.

Durante as tarefas de extinción, os axentes tiveron que restrinxir o tráfico rodado polo vial afectado.

Filtros de seguridade viaria

Nos filtros de seguridade viaria levados a cabo durante a xornada do martes, puidéronse detectar e denunciar as seguintes incidencias:

4 vehículos que non pasaran a ITV no prazo regulamentario.

1 vehículo que non tiña concertado seguro obrigatorio. Foi inmobilizado.

1 condutor que transportaba un menor sen facer uso do sistema de retención infantil regulamentario.

1 condutor que manexaba o vehículo cun permiso de conducir estranxeiro non válido, susceptible de ser trocado.

1 condutor con resultado positivo nas probas de alcoholemia (0.41 e 0.44 mg/L), polo que foi denunciado administrativamente.

1 condutor con resultado positivo nas probas de alcoholemia (0.66 e 0.70 mg/L), polo que se inician dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, polo procedemento de xuízo rápido, por conducir un vehiculo a motor baixo a influencia do alcol.

Compróbase que o mesmo condutor atópase privado do dereito para conducir por sentenza xudicial, polo que tamén se lle investiga por outro delito contra a seguridade viaria.

Noticias relacionadas