COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Xoves, 24 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Axuda humanitaria

Ás 10:45 horas do mércores, a Sala do 092 recibe unha chamada telefónica informando dunha persoa tirada na vía pública, na rúa San Roque. Os axentes comproban que se trata dun home, que se atopa tendido nun pequeno espazo adxacente ao acceso a un local comercial, que manifesta tombarse a pasar a noite, xa que non ten domicilio fixo. O home declina a asistencia sanitaria ofrecida pola ambulancia que fora requirida polos axentes, así como o ofrecemento que lle fan os mesmos para que poida pasar a noite no albergue municipal.

Caída de ramas

Ás 22:25 horas do mércores, a Sala do 092 recibe a chamada dun cidadán que di atoparse no Parque Rosalía de Castro onde acababa de caer unha rama de gran tamaño nas inmediacións da terraza do establecemento hostaleiro situado no lugar. Un indicativo do Grupo Operativo Nocturno acode de inmediato ao lugar, comprobando a veracidade da chamada, procedendo a acordoar a zona con cinta policial, xa que a citada rama afectara a un cable do que se descoñecía o seu uso, aínda que finalmente, coa colaboración do Servizo de Bombeiros, púidose comprobar que se trataba do cable de conexión cos altofalantes do sistema de control da poboación de aves que aniñan no recinto. A zona quedou protexida ata que, por parte do servizo correspondente, se retire a rama caída.

Persoas en vivenda deshabitada

Ás 23:25 horas do mércores, a Sala do 092 recibe información sobre a existencia de varias persoas con lanternas no interior dunha vivenda deshabitada da Estrada Vella de Santiago. Se comisiona no lugar un indicativo do Grupo Operativo Nocturno, apoiado pola Unidade de Atestados, que observan desde o exterior o movemento de lanternas descrito na chamada telefónica.

Os axentes comproban que se trata de tres rapaces, menores de idade, que saen ao exterior cunha caixa contendo un ventilador, explicando que se trata da casa dunha familiar e que viñeron a recoller o citado ventilador. Os axentes comproban que un dos mozos está en posesión das chaves da vivenda e contactan coa nai do mesmo, que corrobora todo o manifestado, polo que dan por finalizado o servizo.

Filtros de seguridade viaria

Durante a noite do mércores ao xoves, durante os filtros de seguridade viaria realizados polo Grupo Operativo Nocturno e a Unidade de Atestados, sorprendeuse a un condutor que arroxou resultado positivo nas probas de alcoholemia ás que foi sometido (0.48 e 0.43 mg/l), polo que foi denunciado administrativamente.

O citado condutor tamén foi denunciado por unha infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, xa que, durante a intervención policial, dirixiuse en varias ocasións aos axentes con frases despectivas e ameazantes.

Igualmente foi denunciado por infrinxir a Lei de Residuos de Galicia, xa que, a pesar das advertencias dos axentes e da existencia de varias persoas congregadas no lugar, o home ouriñou na vía pública, cara a unha zona axardinada existente no lugar.

Noticias relacionadas