COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Martes, 22 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Filtros de seguridade viaria

Durante os filtros de seguridade viaria levados a cabo durante a noite do luns, por parte de axentes do Grupo Operativo Nocturno e da Unidade de Atestados, puidéronse detectar as seguintes infraccións:

- 2 condutores que manexaban os seus vehículos de forma temeraria, polo que son denunciados por conducir de forma manifestamente temeraria, o que leva unha sanción económica de 500 euros e a retirada de 6 puntos do seu permiso de conducir.

- 2 condutores que realizan un xiro prohibido.

- 2 condutores que fan caso omiso á luz vermella do semáforo para vehículos (200 € e 4 puntos).

- 4 vehículos que non foran sometidos á ITV no prazo debido.

- 1 vehículo que non tiña concertado o seguro obrigatorio.

- 35 vehículos que superaban o límite de velocidade establecido. Captouse a un automóbil circulando a 87 km/h nunha zona limitada a 30 km/h (600 euros e 6 puntos).

- 1 condutor que arroxou resultado positivo nas probas de alcoholemia (0.57 e 0.53 mg/l). (1000 € e 6 puntos).

- 1 condutor que arroxou resultado positivo en drogas (cocaína). (1000 € e 6 puntos).

- 1 condutora que arroxou resultado positivo en drogas (metaanfetaminas e benzodiacepinas). (1000 € e 6 puntos).

Presunto delito de Violencia de Xénero

Durante a noite do luns, a Sala do 092 recibiu requirimento por unha agresión nun domicilio da Avd. Vila Verde, motivo polo cal comisiona de inmediato no lugar dous indicativos do Grupo Operativo Nocturno. A requirente indica aos axentes que, minutos antes, durante unha discusión, a súa parella empuxáraa e lle dera un golpe na man, referindo dor nos dedos da mesma.

O home manifestou que efectivamente discutiran pero que en ningún momento a agredira.

Os axentes procederon á detención do home, momento no cal a muller entrou nun alto estado de nerviosismo, polo que se requiriu a presenza dunha ambulancia. A presunta agredida negouse a ser atendida e a ser trasladada a un centro sanitario.

O home foi trasladado a dependencias policiais, para a instrución das correspondentes dilixencias por un presunto delito de violencia de xénero.

Vehículo subtraído e con placas manipuladas

Durante a noite do luns, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse á Calzada da Ponte, xa que a Sala do 092 recibira información dun axente da Garda Civil fóra de servizo, sobre a localización dun vehículo que fora subtraído días antes. Os axentes comprobaron que se trataba dun turismo cuxa subtracción fora denunciada o día 19 do presente mes, o cal presentaba as placas de matrícula manipuladas, xa que unha das súas letras (C) fora convertida nunha O.

O vehículo foi retirado e asegurado no depósito municipal, sendo informado o seu propietario da localización e procedemento para a súa retirada.

Noticias relacionadas