Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 23 ao 25 de outubro de 2020

Luns, 26 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Rescate dun tenreiro

Na mañá do día 25 de outubro, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo son comisionados pola Sala do 092 para que se trasladen ás inmediacións do río Rato, a poucos metros dun restaurante alí situado, xa que ao parecer atópase un tenreiro con dificultades para moverse.

A patrulla observa como o tenreiro áchase nunha zona enlamada, sendo axudado por uns viandantes que pasaban pola zona que logran sacalo a un lugar máis estable.

Mentres unha patrulla realiza investigacións para a localización do propietario do animal outra queda co tenreiro para tentar incorporalo e que permaneza na situación máis cómoda e evitar que volva introducirse na lameira, localizando ao propietario que se fai cargo do tenreiro que se achaba esgotado pero en bo estado.

A intervención dos viandantes foi determinante para salvar ao animal xa que mesmo un deles introduciuse na lameira para axudar á extracción do tenreiro, que finalizou con éxito.

Delito contra a seguridade viaria

Na madrugada do día 24 de outubro, por efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, establecéronse diferentes filtros de seguridade viaria, sorprendendo no establecido na Praza de Conde Fontao ao condutor dun vehículo con signos de embriaguez, polo que foi sometido ás probas de detección alcohólica, arroxando un resultado POSITIVO de 0,73 mg/l (triplicaba a taxa regulamentaria), polo que se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Infracción á normativa de residuos

Na tarde do día 23 de outubro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detecta que, na parte posterior dunha nave do polígono industrial do Ceao, produciuse un incendio de diferentes apeiros, chatarra, mobles e entullo, que foron sufocados por unha dotación de Bombeiros. Os axentes logran identificar ao responsable, levantándose acta denuncia por infracción á Lei de Residuos de Galicia, manifestando que foi acumulando eses aveños nesa parcela xa que non ten sitio onde deixalos.

Inspección de establecementos públicos

Durante a fin de semana, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo realizaron diferentes intervencións en establecementos públicos, para o control do cumprimento da normativa autonómica e estatal, levantando acta denuncia en tres locais situados na rúa Serra de Ancares e Rúa Nova, por infracción á Lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo, ao sorprender a clientes que fumaban dentro dos establecementos.

Control normas COVID-19

Levantáronse actas denuncia por infracción á normativa da Consellería de Sanidade con ocasión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, polos seguintes motivos:

  • Acta denuncia por consumo de tabaco na vía pública sen manter a distancia de dous metros con outras persoas
  • 5 actas por fumar compartindo unha cachimba no interior dun local de hostalería da rúa Concepción Arenal
  • Acta denuncia por consumir en barra no interior dun establecemento público da Rúa Nova
  • 5 actas por transitar pola vía pública sen levar posta a máscara de protección, sen estar incluído en ningunha das causas de exención establecidas na normativa vixente

Multimedia

  • Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas