Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Xoves, 25 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Delito contra a seguridade viaria

Ás 20:10 horas do día 23 de marzo o equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á rúa Marqués de Ombreiro co fin de levantar acta dun accidente de circulación entre dous vehículos con resultado de danos materiais.

Os axentes detectan que un dos condutores, de 54 anos, presenta signos de embriaguez polo que é sometido ás probas de detección alcohólica lanzando un resultado POSITIVO de 1,42 mg/l (case seis veces a cantidade máxima establecida), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria como investigado na modalidade de Xuízo Rápido.

A taxa lanzada é a máis elevada detectada pola Policía Local de Lugo no centro urbano desde o ano 2019 e este condutor xa ten como antecedentes unha condena firme por delito contra a seguridade viaria, imposta por un Xulgado do Penal con suspensión temporal do permiso de conducir que finalizou en agosto do ano 2020.

Este condutor enfróntase a unha pena de prisión de tres a seis meses ou coa de multa de seis a doce meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días, e, en calquera caso, coa de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.

Noticias relacionadas