Comunicado de Prensa da Policía Local de Lugo

Mércores, 25 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de Prensa da Policía Local de Lugo

Esta mesma mañá, día 25 de marzo, a Sala do 092 recibe unha chamada ás 9:00 horas na que se informa de que un home de avanzada idade e con dependencia, que reside na localidade de Guntín, desprazouse á cidade de Lugo para realizar xestións nun banco e os seus familiares estaban angustiados xa que non sabían nada del.

As patrullas de servizo inician unha procura pola contorna das entidades bancarias da cidade e, sobre as 10:00 horas, o equipo de Atestados do Corpo da Policía Local observa a unha persoa na rúa Montevideo que coincide coa descrición dada da persoa desaparecida. Ao falar coa mesma comproban que é a que estaban a buscar, nacido no ano 1930, localizando os axentes a unha filla que acode ao lugar e faise cargo do seu pai para levalo de novo ao seu domicilio.

Estado de Alarma

Por outra banda, no día de onte, martes, 24 de marzo, por parte de efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio establecéronse diferentes dispositivos fixos e móbiles nas vías públicas da cidade para a comprobación e, no seu caso, impedir que se leven a cabo actividades suspendidas e velar polo cumprimento das limitacións sobre circulación de persoas e vehículos, impostas polo Real Decreto polo que se declara o Estado de Alarma en todo o país, para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

No transcurso destes dispositivos levantáronse 26 actas de infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, que poden levar aparellada unha sanción, para cada un dos denunciados, de entre 601 a 30.000 euros.

Noticias relacionadas