Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 25 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Intervención con propietario de dous cans

Sobre as 17:40 horas do día 21 de xaneiro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada, a requirimento dun indicativo da Policía Autonómica, para que acuda á rúa Jacinto Calvo por unha presunta infracción á normativa de animais de compañía de Galicia.

Os axentes comproban que no interior dun vehículo, co portelo lixeiramente aberto, hai dous cans da raza pastor alemán, que non deixan de ladrar, saloucar e golpear os portelos. Instantes máis tarde fai acto de presenza o titular do vehículo, o cal se nega a identificar os animais, polo que se levantan actas de denuncia por infracción á Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia, xa que no momento da intervención policial os cans non deixan de ladrar, non tendo un lugar adaptado á súa especie, con espazo, dimensións e requisitos hixiénico-sanitarios adecuados e non dispoñían de espazo suficiente para poder levantarse, virar ou tombarse.

O propietario dos animais foi denunciado por unha infracción leve e outra grave á devandita norma, o que supón multas de 100 a 5.000 euros. Tamén esta persoa foi denunciada por unha infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá por negarse a identificarse aos axentes da autoridade, sendo finalmente identificado ao informarlle que de persistir na súa negativa sería conducido a dependencias policiais para a súa completa identificación, propoñéndoo para sanción de 601 a 30.000 euros, sendo tamén denunciado por outra infracción a esta norma por falta de respecto e consideración aos axentes, o que conleva sanción de ata 600 euros. Así mesmo o vehículo foi denunciado por estacionamento sobre a beirarrúa, o que supón unha multa de 200 euros.

Ruídos en vivendas particulares

Durante a noite do sábado 23 ao domingo 24 de xaneiro, as patrullas do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo tiveron que intervir en SEIS ocasiones en vivendas particulares por ruídos xerados por reunións de persoas e celebración de festas privadas.

A primeira intervención prodúcese ás 22:15 horas cando unha patrulla é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio da Estrada da Granxa xa que dunha vivenda proveñen ruídos que imposibilitan o descanso dos veciños. Os axentes comproban que se escoitan voces de persoas en ton moi alto, polo que identifican ao responsable e a tres persoas máis, requiríndolle para que cesen as molestias, o que fai ao instante.

A segunda intervención tivo lugar sobre as 23:15 horas cando un indicativo policial é comisionado pola Sala do 092 para que se traslade a un inmoble da rúa San Roque, xa que os veciños denuncian ruídos moi molestos de actividade humana e música en ton alto, desde hai varias horas. Os policías identifican á persoa responsable, requiríndoo para que cesen as molestias, manifestando que non era consciente dos ruídos que xeraba e que cesarían ao momento.

A terceira prodúcese sobre as 23:55 horas, cando a patrulla desprázase a un edificio da rúa Música Falla, xa que os veciños denunciaban ruídos moi molestos provenientes dunha vivenda. Os axentes identifican ao responsable, recoñecendo ter en funcionamento un equipo de música, non sendo consciente das molestias que producen, sendo requirido para que cesen, o que fai ao instante.

A cuarta intervención prodúcese sobre as 00:05 horas cando unha patrulla acode a un edificio da rúa Mariña Española, pois os veciños queixábanse dos ruídos molestos que proviñan dunha vivenda. Os policías comproban que se escoita ruído molesto dun aparello de música en ton alto, identificando ao responsable, manifestando que estaba a celebrar unha festa con outros tres amigos e que non era consciente das molestias que producía, requiríndolle para que cesen, o que fai ao instante.

A quinta prodúcese sobre as 2:15 horas cando unha patrulla é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un inmoble da rúa Curros Enríquez, pois os veciños quéixanse dos ruídos que proveñen dunha vivenda. Os axentes comproban a veracidade desta denuncia, escoitando música con volume alto, así como voces de conversación en ton moi alto, polo que identifican ao responsable, manifestando que se atopaba en compañía dos seus fillos e que non se decatara das molestias que ocasionaba, requiríndolle para que cesasen as molestias, facéndoo ao instante.

En todos estes casos os axentes levantaron acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

A sexta intervención prodúcese sobre as 4:55 horas no mesmo domicilio anterior da rúa Curros Enríquez, pois os veciños volveron queixarse dos ruídos que de alí proviñan. Os axentes comproban novamente que se escoita ruído de equipo de música en ton alto, constatando ademais como a porta de entrada á vivenda estaba entreaberta, poñéndose á fala co responsable, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental, por continuar as molestias xeradas, apagando inmediatamente a cadea musical.

Durante a noite do domingo 24 ao luns 25 de xaneiro, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo tiveron que intervir en DOUS domicilios con ocasión de ruídos molestos para a veciñanza.

A primeira intervención prodúcese ás 1:50 horas cando unha patrulla é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio da Rolda do Carmen xa que os veciños denunciaban ruídos molestos que impedían conciliar o sono. Os axentes comproban que desde o interior dunha vivenda, na que xa se interveu nalgunha ocasión por ruídos molestos, escoitábanse ruídos de actividade humana (fortes voces), identificando ao responsable ao que se lle require para que cesen as molestias o que fai ao momento, levantándose acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

A segunda ten lugar ás 4:50 horas nun edificio da Avenida da Coruña onde a patrulla é comisionada por queixas dos veciños sobre ruídos molestos. Os axentes comproban que se escoita música en ton alto que provén dunha vivenda, identificando o responsable ao que se lle require que cesen as molestias o que fai ao instante, levantando acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 16:05 horas do día 21 de xaneiro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a unha vivenda da Praza de Viana do Castelo, xa que unha persoa maior caera no seu interior e era incapaz de levantarse polos seus propios medios. Os axentes acceden ao interior e observan a un home de 88 anos, no chan do salón, polo que se lle axuda a incorporarse e sentalo nun das cadeiras de brazos, non causándose a primeira ollada lesión algunha e rexeitando atención médica.

Control medidas COVID

Na madrugada do sábado día 23 de xaneiro, efectivos do Grupo Operativo da Policía Local de Lugo, estableceron varios filtros de seguridade para o control do cumprimento da normativa da Xunta de Galicia sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, levantándose TRES actas de denuncia ao sorprender a tres persoas que transitaban pola vía pública entre as 22:00 e as 6:00 horas, sen acharse incluído en ningunha das causas de excepción establecidas pola normativa vixente, sendo denunciados por infracción á Lei de Saúde de Galicia, propoñendo sanción para cada un deles de 500 euros.

Así mesmo levantouse unha acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia por entrar no municipio de Lugo sen causa que o xustifique. Propúxose para sanción de 500 euros.

No transcurso destes controis detectouse, a noite do domingo 24 ao luns 25 de xaneiro, a circulación dun vehículo que carecía de Seguro Obrigatorio e de ITV desde o ano 2016, motivo polo cal foi retirado polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal onde queda inmobilizado, sendo denunciado o titular do vehículo con multa de 1.500 euros por incumprir a obriga de subscribir e manter en vigor un contrato de seguro e con 200 euros por non presentar o vehículo á Inspección Técnica Periódica no prazo debido.

Noticias relacionadas