Comunicado de Prensa da Policía Local de Lugo

Martes, 22 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de Prensa da Policía Local de Lugo

Por parte de axentes da Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo procedeuse á realización de probas de alcoholemia e drogas a tres condutores que protagonizaron un incidente de circulación momentos antes nunha das principais vías da cidade.

Os feitos sucederon ás 23:05 horas do pasado sábado 19 de decembro cando se recibe unha chamada na Sala do 092 onde un condutor informaba que estaba a ser perseguido por outro vehículo co cal tivera un incidente de circulación previo na glorieta que conecta a Avda. Duquesa de Lugo coa rúa Paradai.

Durante o percorrido pola cidade, á persecución do alertante únese un segundo vehículo, amigo do condutor contrario e ao que este avisara a través do seu teléfono móbil, finalizando o seu percorrido na Rúa das Artes, nas inmediacións da delegación da Policía Local, onde se produce un intento de agresión, acudindo de inmediato ao lugar axentes da Policía Local que evitan que se levase a cabo a mesma.

Como consecuencia da devandita actuación procedeuse por parte de membros da Unidade de Atestados a someter a todos os condutores implicados a probas de determinación de grao de impregnación alcohólica así como de consumo de drogas, lanzando resultado POSITIVO de 0,53 mg/l a proba de alcol e POSITIVO a presenza de drogas (cocaína e thc-cannabis) un dos condutores perseguidores e POSITIVO a proba de drogas (cocaína e thc-cannabis) o condutor perseguido, dando lugar ás oportunas dilixencias policiais por infraccións a preceptos do Regulamento Xeral de Circulación e que supoñen multas de 1.000 euros e perda de 6 puntos no carné de conducir no caso de condución alcohólica e de 1000 euros e 6 puntos no caso de condución con presenza de drogas no organismo.

Así mesmo confeccionáronse propostas de sanción por infraccións relacionadas coa actual situación de alerta sanitaria declarada a través do estado de alarma a todos os condutores implicados, dada a súa circulación por vía pública excedendo o límite horario establecido como toque de queda das 23:00 horas - sen acharse incluídos en ningunha das causas de excepción establecidas legalmente - así como por atoparse na vía pública sen portar ningún deles a máscara de protección obrigatoria.

Control normas COVID-19

Durante a madrugada do luns 21 ao martes 22 de decembro, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo sorprenderon a catro persoas que transitaban pola vía pública entre as 23:00 e as 6:00 horas, sen acharse incluídas en ningunha das causas de excepción, polo que se levantaron CATRO actas de denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, que carrexa multa de 601 a 30.000 euros.

Noticias relacionadas