Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Martes, 22 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Intervención policial en interior de establecemento por infracción ás normas COVID-19

Sobre a 1:45 horas do día 22 de setembro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo observa que un café-bar, situado na rúa Concello, está aberto con clientes consumindo tanto no seu interior como no exterior. Como queira que os establecementos de hostalería e restauración deberán pechar non máis tarde da 1:00 da madrugada, sen que se poida permitir o acceso de ningún cliente desde as 0:00 horas, a patrulla policial realiza unha inspección no local detectando que varios clientes atópanse fumando e que outros non facían uso da máscara de protección.

Por tal motivo levántanse actas por infracción á normativa da Consellería sobre medidas de prevención como consecuencia do COVID-19, denunciando ao propietario do establecemento por acharse aberto e con clientes no interior, fóra do horario establecido, e por permitir fumar no interior do café-bar, observando os axentes varias cabichas no chan, abundante fume e un forte cheiro a tabaco.

Así mesmo un cliente ao manifestar aos axentes que non pode poñer a máscara porque a “perdeu”, é denunciado por infracción á Lei de Saúde de Galicia. O local foi desaloxado polos axentes, procedendo ao seu peche.

Delito contra a seguridade viaria

Durante a madrugada do martes día 22, os efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo estableceron diversos filtros de seguridade viaria no centro urbano, detectando ás 2:12 horas un vehículo circulando pola rúa Santo Graal, cuxo condutor presentaba signos de embriaguez, sendo presentado ante o equipo de Atestados da Policía Local e sometido ás probas de detección alcohólica, arroxando un resultado POSITIVO de 0,71 mg/l, polo que se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Así mesmo detectouse un vehículo con placa temporal que carecía de Seguro Obrigatorio, polo que foi retirado e inmobilizado no Depósito Municipal ata que o seu titular acredite que subscribiu un contrato de seguro que cubra a responsabilidade civil derivada da circulación.

Noticias relacionadas