Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 16 ao 18 de xullo.

Luns, 19 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Detención por violencia de xénero

Sobre as 10:20 horas do día 17 de xullo, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo son comisionados pola Sala do 092 para que se trasladen a un establecemento da rúa Milagrosa xa que ao parecer unha muller estaba a ser ameazada pola súa parella.

Os axentes que acoden ao lugar atopan á muller nun elevado estado de ansiedade, sen apenas articular palabra, coa respiración moi axitada e sen cesar de tremer, polo que é tranquilizada polos policías, entrevistándose cunha axente feminina, podendo saber que quen provocou que esta muller se encontre en tal estado é a súa parella que a ameazaba e que, por manifestacións dunha familiar, nalgunha ocasión a tiña agredido, sen que houbese denuncia, fuxindo do lugar.

Que os axentes se trasladan ao domicilio do home, observando que do portal sae este individuo que coincide coas características dadas pola muller e a testemuña, verificando que se trata da mesma persoa que estaban a buscar e, ao ser plenamente identificado, se procede á súa detención e posterior traslado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias por un presunto delito de violencia de xénero, sendo a vítima asistida por persoal facultativo do 061.

Subtracción de placas de matrícula de vehículos

Sobre as 6:20 horas do día 18 de xullo unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo observa un mozo correndo pola rúa Mariña Española en dirección á Fonte do Rei e, ao mesmo tempo, son requiridos por dous mozos que manifestan que ese individuo que ía correndo manipulaba as placas de matrícula de diferentes vehículos alí estacionados.

Que os policías saen na súa persecución, dándolle alcance e comprobando que porta dúas placas de matrícula e outras seis son entregadas polas testemuñas as cales foran arrincadas dos vehículos estacionados na zona e abandonadas por este mozo, procedendo á súa identificación e instruíndose dilixencias por estes feitos para o Xulgado de Garda.

Control normas COVID

Durante esta fin de semana, especialmente as noites do venres e sábado, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo estableceron diferentes dispositivos para comprobar o cumprimento da normativa da Xunta de Galicia sobre medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, levantando 17 actas de denuncia polas seguintes infraccións:

  • 8 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia pola práctica do “botellón”. Proponse sanción de 500 euros.
  • 3 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia por non facer uso da máscara de protección. Proponse sanción de 100 euros.
  • 5 actas de denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá por falta de respecto aos axentes da autoridade. Proponse sanción de ata 600 euros.
  • 1 acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia por quebrantar o horario de peche o responsable dun local de hostalería do centro histórico.

Os axentes ao facer unha inspección no interior do local, comprobaron que ás 3:20 horas había xente no interior consumindo e, ao abrir unha porta interior, observaron como nun anexo ao establecemento había máis xente consumindo, sendo trasladado o seu responsable a dependencias policiais para a súa identificación xa que non portaba documento algún. Así mesmo, os axentes levantaron acta da inspección para a súa remisión ao Servizo de Urbanismo do Concello.

Controis de alcoholemia

Durante a fin de semana realizáronse diversos filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano, detectándose TRES condutores POSITIVOS nas probas de alcoholemia ás que foron sometidos.

  • Ás 1:15 horas do día 17 de xullo, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta a circulación irregular dun vehículo polo Sagrado Corazón, sometendo ao condutor ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,48 mg/l polo que se abre expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.
  • Ás 00:05 horas do día 18 de xullo, unha patrulla de PN presenta na Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo a un condutor que circulaba co seu vehículo pola rúa Manuel María, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,93 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.
  • Ás 02:11 horas do día 18 de xullo, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta a circulación irregular dun vehículo nas inmediacións da Ponte Nova, sendo o seu condutor sometido ás probas de alcoholemia e lanzando un resultado POSITIVO de 0,40 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Noticias relacionadas