
Vehículo subtraído recuperado
Na mañá do día 13 de decembro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detecta nunha pista de servizo da A-6, na zona de Cima de Vila, un vehículo con indicios de poder estar subtraído.
Na inspección ocular levada a cabo, os axentes observan que está aberto, coa chave de contacto posta e moi revolto no seu interior, comprobando que figura como subtraído desde o venres 11 de decembro e cuxo titular formalizara denuncia ante a Garda Civil de Baamonde.
Despois dos trámites establecidos, o propietario do vehículo fíxose cargo do mesmo.
Filtros de seguridade
Durante o día de onte 17 de decembro, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo estableceron diversos filtrospara comprobar o cumprimento das medidas de prevención establecidas pola Xunta de Galicia para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, levantando unha acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia ao detectar un persoa que transitaba pola praza de Santo Domingo sen facer uso da máscara de protección.
Así mesmo, detectouse a circulación dun vehículo ás 2:10 horas da madrugada do xoves día 18 de decembro, cuxo condutor non acreditou ningunha causa xustificativa para incumprir a restrición de circulación entre as 23:00 e as 6:00 horas, levantándose acta de denuncia por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, que leva aparellada multa de 601 a 30,000 euros.
Tamén se lle requiriu para a realización de probas de alcoholemia, lanzando un resultado POSITIVO de 0,65 mg/l, polo que se inicia procedemento sancionador que comporta multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.