
Control normas COVID
No día de onte 13 de abril, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio estableceron diferentes filtros de seguridade para o control da normativa da Xunta sobre medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, levantándose 18 actas de denuncia polas seguintes infraccións á Lei de Saúde de Galicia:
- 13 actas de denuncia por transitar entre as 22:00 e as 6:00 sen causa xustificada. Proponse sanción de 500 euros.
- 4 actas de denuncia por non facer uso da máscara. Proponse sanción de 100 euros.
- 1 acta de denuncia por quebrantamento do horario de peche comercial. Proponse sanción de 500 euros.
Así mesmo sobre as 4:00 horas do día 14 de abril sorpréndese a un condutor que é sometido ás probas de detección alcohólica lanzando un resultado POSITIVO de 0,53 mg/l, polo que se abre expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución, sendo ademais denunciado por infracción á Lei de Saúde de Galicia por quebrantar o toque de queda.
Auxilio á cidadanía
Sobre as 12:50 horas do día 13 de abril unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a unha vivenda da rúa Doutor Balanza xa que unha persoa de avanzada idade caera no seu interior e non era capaz de levantarse. Os axentes son recibidos por familiares desta persoa, a cal estaba tirada no chan da cociña e non podían incorporala, procedendo os axentes a trasladala ata o seu dormitorio e deitala na cama, manifestando que non sufrira ferida algunha e rexeitando asistencia médica, quedando ao cargo da súa familia.
Sobre as 16:20 horas do mesmo día unha patrulla acode a un domicilio para colaborar cunha dotación do 061, xa que unha muller atopábase mal debido á inxesta de alcol e se negaba a tomar un tratamento prescrito polo seu facultativo. Os axentes auxilian inicialmente á devandita persoa, sendo trasladada nunha ambulancia do 061 ao HULA para a súa atención médica.
Ás 22:00 horas do mesmo día unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á rúa Orquídea xa que ao parecer unha persoa que merodeaba pola zona introducírase nunha casa abandonada, temendo que puidese acender lume coa madeira alí existente. Os axentes descobren a un home de 40 anos que estaba deitado no chan dunha casa en ruínas, manifestando que tiña frío, que non tiña medios económicos e que quería pernoitar na casa, polo que foi trasladado ao Fogar do Transeúnte onde pasou a noite.