COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Servizos destacados durante a fin de semana do 3 ao 5 de xuño

 
Luns, 06 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Detención por lesións graves

Sobre as 1:45 horas do día 5 de xuño efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, despregados no centro histórico, son requiridos por varios viandantes xa que na rúa da Cruz estaba a producirse unha liorta entre varias persoas.

Inmediatamente acoden ao lugar varias patrullas que atopan a un home de 27 anos, veciño de Lugo, coa cabeza totalmente ensanguentada xa que presentaba un corte na cara e na fronte, manifestando as testemuñas que fora agredido por outro home, dando as características, momento no que se solicita unha ambulancia do 061 para a atención á vítima, localizando ao autor da agresión a poucos metros, acompañado doutros dous mozos.

Manifestan que houbo unha pelexa no interior dun local de lecer nocturno da zona, posiblemente por mor dunha discusión de fútbol, xa que o agresor e os seus amigos son afeccionados do CD Logroñés que xoga o playoff de ascenso en Ferrol.

Os axentes, vista a gravidade das lesións, xa que o agredido presenta un corte profundo na cara que require o traslado ao HULA, proceden á detención do agresor, un home natural de Logroño de 30 anos de idade, sendo trasladado inicialmente a un centro médico e posteriormente a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda.

No transcurso da intervención policial unha muller manifesta que, con ocasión da pelexa dentro do establecemento, recibiu un forte golpe no nariz, descoñecendo o autor, acudindo a un centro médico para posteriormente presentar denuncia.

Detención por violencia no ámbito familiar

Que sobre as 22:00 horas do día 4 de xuño unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo son comisionados pola Sala do 092 para que acudan a un edificio do barrio da Residencia xa que nunha vivenda estaba a producirse unha discusión entre varios membros dunha familia.

Ao chegar os axentes son informados pola vítima de que un fillo seu chegou á casa moi alterado e a agredira con varios golpes no pescozo e na cara, rompendo diverso mobiliario da casa, ausentándose posteriormente da vivenda.

Os axentes auxilian á agredida que rexeita asistencia médica, logrando a localización do autor nas inmediacións do edificio, procedendo á súa detención, recoñecendo que no transcurso dunha discusión empuxara á súa nai, sendo conducido a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para a súa remisión á Autoridade Xudicial competente.

Delitos contra a seguridade viaria

Durante a fin de semana efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo estableceron diversos filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano, co emprego de vehículos policiais rotulados e camuflados, detectando na Avenida de Infanta Elena un condutor que CARECÍA de permiso de condución por non obtelo NUNCA, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizándose o vehículo.

Na rúa Alexandre Bóveda detéctase un condutor que CARECE de permiso por perda de vixencia por perda total dos puntos asignados, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Na Avenida da Coruña é interceptado o condutor dun vehículo que circula sen iluminación, observando que presenta signos de acharse embriagado, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 1,04 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Na Rolda das Mercedes detéctase a condución irregular dun vehículo observando que o condutor presenta signos de inxerir bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas regulamentarias e lanzando un resultado POSITIVO de 0,48 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Detéctase na rúa Mariña Española un vehículo que pasa en vermello un semáforo, observando que o condutor presenta signos de inxerir bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas regulamentarias, lanzando un resultado POSITIVO de 0,38 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución. Así mesmo compróbase a través das bases de datos policiais que o vehículo está dado de baixa temporal, sendo ademais denunciado por non comunicar a transferencia no prazo previsto.

Na Rolda da Muralla, nun control estático, detéctanse dous condutores con taxas de alcol superiores ás regulamentariamente establecidas, lanzando 0,36 e 0,32 mg/l, respectivamente, abríndose expedientes sancionadores con multas de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución.

Na rúa Ripanzo prodúcese unha saída de vía, á cal acoden os axentes da Unidade de Atestados, comprobando que o condutor accidentado, ademais de carecer de permiso de conducir por non obtelo nunca, lanza resultado positivo nas probas de alcoholemia ás que foi sometido, de 0,65 mg/l, motivo polo cal se instrúen dilixencias por dous presuntos delitos contra a seguridade viaria, un por conducir un vehículo de motor carecendo da correspondente autorización administrativa e outro por facelo con taxa de alcoholemia superior a 0,60 mg/l.

Tamén se confeccionaron denuncias administrativas, xa que o vehículo non fora sometido á inspección técnica periódica no prazo debido e non tiña subscrito contrato de seguro obrigatorio.

Na Rolda República Arxentina tamén é sorprendida unha condutora que manexa un turismo carecendo do permiso de conducir, xa que non o obtivo nunca. Igual que no caso anterior, instrúense dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, na modalidade de xuízo rápido. Así mesmo confecciónanse denuncias por non ser sometido o automóbil á ITV e por carecer de seguro obrigatorio.

Na rúa Río Navia, unha patrulla da Policía Nacional observa un vehículo circulando en zigzag, comprobando que o condutor presenta signos externos de atoparse baixo a influencia do alcol, polo que requiren a presenza da Unidade de Atestados, cuxos axentes realizan as probas regulamentarias, nas que lanza resultado positivo de 1,08 e 1,09 mg/l, polo que instrúen dilixencias por un presunto delito, por conducir un vehículo de motor baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

No transcurso destes controis detectouse un vehículo sobre o que pesaba mandamento de captura e depósito por embargo, sendo PRECINTADO ao dispor do organismo competente.

Inspección de establecementos de hostalería e lecer nocturno

Realizáronse inspeccións en locais de hostalería e lecer nocturno, levantando acta de denuncia por infracción á normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas nun local da rúa Catasol por exercer a actividade sen licenza e ter en funcionamento unha cadea musical carecendo de autorización por ser un establecemento do Grupo I da Ordenanza de Contaminación Acústica.

Ás 4’25 horas do día 5, os axentes do Grupo Operativo Nocturno que formaban parte do dispositivo de vixilancia e control do lecer nocturno, levantan acta nun local da rúa Clérigos, xa que a persoa que se atopa realizando os labores de controlador de acceso ao local carece da preceptiva autorización da Xunta de Galicia. Dita intervención foi levada a cabo tras ser requiridos por unha persoa que dicía ser expulsada do local, cando tiña a consumición sen finalizar e que se negaban a facilitarlle as follas de reclamacións.

Así mesmo estableceuse un dispositivo especial na rúa Doutor Fleming para evitar condutas incívicas, realizándose medición a pedimento dun dos veciños da zona.

Cans soltos en vía pública

Durante a tarde do domingo, a Sala do 092 recibe requirimento polas molestias que están a causar varios cans soltos na zona do anfiteatro, no Campus Universitario. Acudida no lugar unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio, os axentes localizan a tres animais soltos.

O titular dun dos animais atende de inmediato as indicacións dos policías para suxeitar o seu can e evitar así as molestias ao resto de usuarios da zona; pero a propietaria dos outros dous móstrase reticente a cumprir coa devandita obrigación, xa que, segundo ela, non os pode atar porque “son os seus nenos”. Confecciónanse as oportunas denuncias por infracción á Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia.

Incendio e achado de material presuntamente subtraído

Durante a noite do domingo ao luns, a Sala do 092 recibiu un aviso por incendio nas inmediacións do Poboado de Nazaret, polo que se comisiona no lugar unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno. Despois de que o Servizo de Extinción de Incendios controlase o lume, os axentes comprobaron que, entre o material existente entre as chamas, atopábanse uns corenta soportes de estacionamento para bicicletas, polo que se inician as investigacións oportunas para determinar o lugar do cal puideron ser presuntamente subtraídos.

Auxilio a persoa afectada pola inxesta de alcol

Ás 1’45 horas do día 6, a Sala do 092 comisiona unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno na rúa Valle Inclán, xa que no lugar, segundo unha chamada telefónica, hai unha persoa tendida sobre a beirarrúa. Unha vez no lugar, os axentes comproban que se trata dun home que, presuntamente, se atopa en estado ebrio, mostrando dificultade para manter a verticalidade, a pesar do cal manifesta non necesitar asistencia sanitaria.

Os axentes acompañan ao home ata o seu domicilio, comprobando que accede ao mesmo sen máis incidencias.

Persoas ouriñando en vía pública

Durante a noite do domingo ao luns, tres persoas foron denunciadas por miccionar na vía pública, tras ser sorprendidas ouriñando na Praza Horta do Seminario. Trátase de tres homes de 18, 20 e 30 anos de idade.

Multimedia

  • COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO
  • COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Noticias relacionadas