Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Venres, 11 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Axuda humanitaria

Sobre as 12:15 horas do día 10 de setembro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala de Comunicacións 092 para que se traslade a unha vivenda da rúa Rey Chiquito xa que ao parecer unha señora de avanzada idade non responde ás chamadas de teléfono, nin abre a porta á súa familia, sospeitando que algo grave puidese pasarlle.

Os axentes requiren a presenza dunha dotación de Bombeiros e unha vez desmontan a porta traseira de aluminio e fracturan o cristal, acceden ao interior da vivenda onde achan á señora de 86 anos tirada no chan da habitación e consciente, polo que lle practican os primeiros auxilios, requirindo unha ambulancia do 061 onde se traslada ao HULA para a súa atención médica, sendo acompañada por unha familiar.

Coello ferido

Sobre as 21:00 horas do día 9 de setembro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio observa, nunha pista que une o barrio de San Fiz co paseo do Intre, un coello ferido na cuneta, posiblemente como consecuencia dun atropelo dun vehículo. Os axentes comproban que está completamente inmóbil tendo as patas traseiras danadas, sendo recollido polos policías e trasladado ao Hospital Veterinario Rof Codina para a súa atención por un veterinario.

Noticias relacionadas