Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Martes, 08 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Denuncias por incumprimento de medidas de prevención con motivo da COVID-19

Durante o 7 de setembro, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo continuaron cos dispositivos establecidos para o control do cumprimento das medidas de prevención establecidas pola Xunta de Galicia como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19, levantando TRES ACTAS de infracción.

Dúas denuncias foron efectuadas a cidadáns que transitaban pola vía pública sen facer uso da máscara de protección e a terceira denuncia foi realizada á responsable dun establecemento de hostalería situado dentro do barrio da Milagrosa (rúa Mallorca) ao sorprender os axentes a tres clientes no interior do local, con licenza de café-bar, consumindo bebidas, co consentimento da responsable, incumprindo as medidas restritivas aplicables á rúa onde se sitúa, recollidas na Orde do 28 de agosto/20 da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

A Policía Local lembra que no ámbito territorial delimitado pola Avenida da Coruña e as rúas Tino  Grandio,  Camiño Real, Mar Cantábrico e Angelo Colocci, os restaurantes non poderán superar o 50% da súa capacidade na zona de comedor para o servizo de comida e nos bares e cafeterías non se poderá consumir no interior do local.

Axuda humanitaria

Sobre as 19,00 horas do día 7 de setembro, unha patrulla pertencente á Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada a través da Sala de Comunicacións do 092 para que se traslade a unha vivenda da rúa Monforte xa que no seu interior había unha persoa caída.

Os policías comproban que se trata dunha señora de 90 anos que se caeu no dormitorio da súa vivenda e que a filla coa que convive, era incapaz de levantala.

Os axentes proceden a incorporar á anciá, sentándoa nun sofá, observando que a primeira ollada non sufría dano algún, sen necesitar asistencia médica.

Incendio

Sobre as 18,30 horas do día 7 de setembro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acode ao lugar Camiño A Barreira de Meilán xa que se produciu un incendio nas proximidades dun alpendre.

Os axentes comproban que estaba a arder unha paca de herba no medio dunhas matogueiras, sendo sufocado o incendio por unha dotación do Servizo de Bombeiros.

Noticias relacionadas