Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Martes, 07 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Retirada niño de velutinas

Ás 22’25 horas do luns, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio trasladáronse a un inmoble da Rolda da Muralla, onde colaboraron co Servizo de Bombeiros para a retirada dun niño de velutinas situado na fachada.

Fuga de auga

Ás 00’10 horas do martes, os axentes trasladáronse á rúa Agro da Ponte onde, segundo unha chamada telefónica, había unha fuga de auga cara á vía pública. Unha vez no lugar, os axentes comprobaron que a auga saía dunha caseta de pedra a través de dúas xanelas, dirixíndose ao río a través da rúa e de zonas verdes. Deuse aviso ao Servizo de Augas, que procedeu ao corte provisional de subministración ata que se finalice a reparación.

Auxilio a persoa caída en vía pública

Ás 20’10 horas do luns, os axentes foron comisionados na rúa Serra Gañidoira, onde unha persoa sufrira unha caída en vía pública. No lugar, os policías comprobaron que se trataba dunha muller, de 66 anos de idade, que dicía tropezar nun desnivel da beirarrúa, o que motivou a súa caída. Solicitouse a presenza dunha ambulancia, xa que a muller queixábase de dor nun nocello e, ademais, dicía sentirse indisposta. Foi asistida no lugar e posteriormente trasladada ao HULA para unha valoración máis completa.

Incendios

Durante a tarde do luns, os axentes de Policía de Barrio acudiron a dous incendios. Un deles no Poboado de Nazaret (Carqueixo) e outro en O Veral. No último citado, ardera unha máquina agrícola no interior dunha leira particular.

Noticias relacionadas