
Delito contra a seguridade viaria
Sobre as 6:10 horas do día 3 de xullo, efectivos da Unidade Atestados trasládanse á rúa Marqués de Ombreiro xa que se produciu un accidente de circulación. Á chegada ao lugar observan que un turismo, que circulaba por esa vía, encaixouse contra outro estacionado desprazándoo cara á beirarrúa. Postos a falar co condutor obsérvase que presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, arroxando un resultado POSITIVO de 0,84 mg/l (máis do triplo do permitido), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.
Emerxencia sanitaria
Continuando co operativo para o control do uso da máscara para persoas de 6 anos en diante, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio procederon, no día de onte 2 de xullo, a levantar outras SETE actas de infracción á Lei de Saúde de Galicia, a persoas que transitaban polas vías públicas e non facían uso da máscara, sen manter a distancia de seguridade interpersoal e sen atoparse en ningunha das causas de exención contempladas na Real Decreto Lei 21/2020, do 9 de xuño.
Filtros de seguridade viaria
No día de onte 2 de xullo, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio estableceron diferentes filtros de seguridade viaria, detectándose sobre as 17:55 horas, na rúa das Fontes, ao condutor dun vehículo que conducía tendo perdida a vixencia do seu permiso de conducir por perda total dos puntos asignados legalmente. Por tal motivo o condutor foi presentado na Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido. O condutor enfróntase a unha pena de prisión de tres a seis meses ou á de multa de doce a vinte e catro meses ou á de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días.
Así mesmo abríronse expedientes sancionadores a dúas persoas que circulaban con patinetes eléctricos por condución neglixente, ao crear unha situación de risco para o resto de usuarios da vía, sendo multados con 200 euros.
Tamén se detectaron dous vehículos que circulaban carecendo de Seguro Obrigatorio de Automóbiles (SOA) e outros dous que non pasaran a ITV no prazo regulamentario.
A carencia de SOA dá lugar a unha multa de 1.500 euros e procédese á retirada do vehículo polo servizo de guindastre quedando inmobilizado no Depósito Municipal ata que o titular subscriba un contrato de seguro que cubra a responsabilidade civil derivada da súa circulación.
No caso dos titulares dos vehículos que circulan sen presentalo á Inspección Técnica Periódica no prazo debido, incóase expediente sancionador con multa de 200 euros.