COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL

Martes, 30 de setembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL

Fuxida temeraria pola cidade, substancias sospeitosas e posterior detención

O pasado 23 de setembro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo interveu nunha complexa e perigosa actuación que culminou coa recuperación dun vehículo implicado nunha foxe temeraria a gran velocidade por vías urbanas e interurbanas, a intervención de substancias sospeitosas e a detención posterior do presunto autor.

Os feitos comezaron cando, pasadas as 22:00 horas, a patrulla detectou unha manobra sospeitosa dun turismo na rúa Tui. O condutor fixo o ademán de estacionar, pero abandonou bruscamente a manobra ao decatarse da presenza policial, o que motivou que os axentes levasen a cabo a consulta da matrícula, comprobando que o vehículo circulaba coa ITV caducada desde xullo e cuxo titular carecía de permiso de condución en vigor.

Tras activar os correspondentes sinais luminosos de detención para dar o alto ao vehículo, o condutor fixo caso omiso e emprendeu unha fuxida a gran velocidade que se prolongou por distintas rúas da cidade, ata incorporarse á estrada N-VI en dirección A Coruña, alcanzando unha velocidade moi superior ao 150 km/h. Durante todo o traxecto, os axentes mantiveron unha excelente persecución, cunha condución prudente, prevalecendo os sinais luminosos e acústicas activadas para alertar a outros usuarios, e en constante comunicación co resto de unidades policiais.

O vehículo acabou accedendo ao interior dun centro de lavado de coches no Polígono de O Ceao, presumiblemente para despistar, momento no que os axentes bloquearon a súa saída. O condutor descendeu entón violentamente do vehículo, encarou a patrulla policial de forma ameazante e emprendeu unha fuga a pé, desobedecendo os reiterados avisos de alto. A pesar da persecución a pé e o apoio de varias unidades, logrou perderse entre a vexetación das inmediacións do lugar.

No interior do vehículo abandonado, a primeira ollada, observáronse bolsas con substancias sospeitosas de ser estupefacientes, así como documentación a nome do presunto condutor fuxido, xa coñecido polos axentes por feitos anteriores. O turismo foi inmobilizado e precintado, solicitándose unha inspección técnica extraordinaria, tras detectarse graves deficiencias mecánicas, como a ausencia de cinto no asento do copiloto e compartimentos manipulados.

Durante a intervención, os axentes localizaron nunha zona próxima un segundo vehículo sospeitoso, de cor verde, estacionado nunha paraxe apartada. O seu titular, tamén coñecido pola policía, foi identificado e incapaz de achegar unha versión coherente sobre a razón da súa presenza nesa localización, presentando ademais materiais como un pasamontañas, unha bolsa de balines e un teléfono móbil sen xustificar a súa orixe, todo o cal foi incorporado ao atestado correspondente.

Posteriormente, e xa no día seguinte, a Policía Local foi informada de que o presunto condutor fuxido foi finalmente detido pola Policía Nacional, atopándose en actitude agresiva e pouco colaboradora, á espera de comprobar a súa situación administrativa e da súa imputación penal por carecer de permiso de condución.

A Policía Local de Lugo instruíu dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria e por condución temeraria, así como varias infraccións administrativas en materia de tráfico e seguridade cidadá:

  • Non respectar as ordes e indicacións dos axentes.
  • Condución manifestamente temeraria por vías urbanas e interurbanas.
  • Circulación con ITV caducada.
  • Presunta tenencia de substancias estupefacientes.
  • Incautación de 118,2 gramos de substancia cor marrón cristalina.
  • Incautación de 10 gramos de substancia branca cristalina.

Noticias relacionadas