COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL

Xoves, 12 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL

Dentro do marco de vixilancia para a seguridade cidadá, a Policía Local de Lugo desenvolveu durante a pasada fin de semana unha actuación conxunta, centrada no control de establecementos públicos conflitivos coa seguridade e descanso veciñal.

Inspección conxunta en local de lecer nocturno

Durante a mañá do sábado realizouse unha intervención coordinada entre a Policía Local e a Policía Nacional nun establecemento de hostalería situado na rúa Tui, para levar a cabo unha inspección pormenorizada das súas condicións administrativas e de seguridade.

Na actuación detectáronse dúas infraccións relevantes:

  • Permisividade no consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, adquiridas previamente dentro do local.
  • Exceso de aforo, ao superar nun 40 % a capacidade máxima permitida por autorización administrativa.

Ademais, como parte do dispositivo conxunto de seguridade, identificáronse 17 persoas, e confeccionáronse catro actas - denuncia por presuntas infraccións á Lei de Protección da Seguridade Cidadá:

  • Unha acta por portar unha arma branca.
  • Dúas actas por tenencia de substancias estupefacientes (cocaína e haxix).
  • Unha acta por falta de respecto a axentes da autoridade.

Estas intervencións enmárcanse dentro do seguimento preventivo que se realiza sobre locais onde poidan xerarse situacións de risco para a seguridade cidadá, co fin de garantir o cumprimento da normativa e a protección da contorna urbana.

Intervención en caso de violencia no ámbito da parella

A Policía Local acudiu a unha vivenda tras unha chamada dunha muller que manifestaba ser agredida pola súa parella. Unha vez no lugar, os axentes localizaron a ambas as persoas implicadas e constataron signos dunha agresión mutua, no contexto dunha relación conflitiva marcada por problemas de convivencia e consumo de alcol.

Ambas as partes presentaban lesións e recoñeceron manter unha discusión. A muller manifestou que non era a primeira vez que sufría agresións, aínda que nunca se atreveu a denuncialas. Ante a gravidade do sucedido, procedeuse á detención de ambas as persoas como presuntas autoras dun delito de malos tratos no ámbito familiar.

A muller foi atendida en centro médico e posteriormente trasladada a dependencias policiais. O home, que se negou a asistencia médica, foi igualmente detido.

Estas intervencións forman parte do compromiso permanente da Policía Local de Lugo coa protección integral das vítimas de violencia de xénero. Ante calquera indicio de agresión, os axentes actúan con sensibilidade e rigor, priorizando sempre o interese da vítima e a súa seguridade.

Desde a Xefatura da Policía Local de Lugo reitérase que estas actuacións responden a unha estratexia de tolerancia cero fronte á violencia e de vixilancia activa sobre os locais que forman parte do lecer nocturno da cidade.

A colaboración cidadá e a coordinación con outros corpos policiais permiten que Lugo siga sendo unha cidade segura e comprometida coa protección das persoas.

Lembramos que fronte calquera sospeita de violencia na contorna familiar, pode contactar directamente cos servizos policiais de emerxencia ou a través do Servizo 112, e as canles habilitadas para vítimas de violencia de xénero co 016, que é gratuíto e confidencial para o seu uso.

 

Noticias relacionadas