
Acampada sen autorización
Durante a noite do sábado día 17, despois de que a Sala do 092 recibise varias chamadas queixándose do ruído que procedía da zona do merendeiro do río Miño, adxacente ao Camiño de Vilar, dous efectivos do Grupo Operativo Nocturno trasladáronse ao lugar, onde puideron comprobar que un grupo de once persoas estaba a celebrar unha festa, na que a maioría dos asistentes, aparentemente, atopábanse afectados pola inxesta de bebidas alcohólicas ou algunha outra substancia. Os axentes procederon a identificar a quen dixo ser o organizador do evento, confeccionando a correspondente acta-denuncia polos feitos observados, xa que, sen contar con ningún tipo de autorización, no lugar instaláronse os seguintes elementos (foto):
- Unha mesa de mesturas (en funcionamento ata a chegada dos axentes).
- Varios altofalantes cun subwofer (en funcionamento ata a chegada dos axentes).
- Equipo de luces (en funcionamento ata a chegada dos axentes).
- Xerador de combustión (en funcionamento ata a chegada dos axentes).
- Tenda de campaña (instalada no medio do camiño e, por tanto, cortando o paso).
- Mesa con pratos, comida e bebida.
- Grella (aínda coas cinzas candescentes).
- Unha bombona de butano (á beira da grella).
- Batería de automóbil (na cal se conectaron cables para fornecer enerxía).
Tras valorar as molestias que estaban a causar, o risco de incendio motivado pola grella e a conexión da batería, o corte do acceso xerado pola tenda de campaña e a falta de autorización para levar a cabo tal actividade, os axentes ordenaron o cesamento inmediato da mesma, advertindo ao responsable que debería retirar todos os obxectos do lugar, que habería de quedar limpo e libre para a utilización de calquera cidadán.
A acta - denuncia confeccionada foi remitida á Xunta de Galicia, ao entender que constitúe infracción á lexislación galega sobre turismo, ademais de estar declarada como época de perigo alto de incendios forestais o período comprendido entre o 1 de xullo e o 30 de setembro; así como á Confederación Hidrográfica Miño - Sil, polo enclave no que se atopa en merendeiro. O organizador da festa tamén foi denunciado por unha infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, xa que, a pesar do requirimento policial, realizada unha comprobación ao día seguinte, todos os elementos continuaban instalados no mesmo lugar, debendo manter a presenza policial para que fosen retirados.
Mobilización de servizo policial por broma entre amigos
Ás 00’10 horas do mércores, cando un indicativo do Grupo Operativo Nocturno realizaba patrulla preventiva pola Praza de Bretaña, os axentes foron requiridos por un home que manifestou que, instantes antes, a súa filla recibira unha mensaxe ao teléfono móbil, procedente doutro dos seus fillos, no que lle dicía que estaba cuns amigos, nun miradoiro próximo ao Club Fluvial, e estaban a ser atracados por outras tres persoas. Que a partir dese momento, a pesar de que tentou poñerse en contacto co seu fillo, non lle foi posible xa que o teléfono móbil non daba sinal.
Ao lugar trasládanse dous indicativos do Grupo Operativo Nocturno e outro máis da Unidade de Atestados. Unha das patrullas atópase co mozo que enviara a mensaxe á súa irmá, informando os axentes de que fora unha falsa alarma, que todo fora unha broma. Nese mesmo momento, as outras dúas patrullas, que realizaban unha procura por un circuíto deportivo próximo, localizan a outro mozo, tendido no chan e coas pernas ensanguentadas, o cal estaba a ser atendido pola empregada dun establecemento próximo.
Este mozo indica aos axentes que fora vítima dunha broma pesada duns amigos, quedando máis mozos no interior do circuíto, sen luz e desconcertados, polo que os axentes procederon á súa localización, axudándolles a saír do lugar con axuda das lanternas policiais, comprobando que presentaban algunha erosión, causada ao tentar escapar da presunta agresión na zona de matogueira.
Finalmente, os axentes reuniron a todos os implicados e procederon á súa identificación, concluíndo que todos eran coñecidos entre si e que, a tres deles, ocorréuselles gastar unha broma aos demais aparecendo por sorpresa e encapuchados. Foron requiridos servizos sanitarios para atender a algún dos lesionados.
Con independencia de informar aos implicados do dereito para presentar denuncia polos feitos ocorridos e o procedemento para formalizala, os axentes levantaron acta sobre o acontecido, que, por parte dos tres organizadores da broma, podería constituír unha infracción grave á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, castigada cunha sanción entre 601 e 30.000 euros.
Auxilio a cidadán
Durante a mañá do mércores, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio prestou auxilio a unha persoa que se atopaba sentado no chan, apoiado contra a fachada dun edificio de Camiño Real, sendo todo iso informado por un cidadán á Sala do 092. Os axentes requiriron a presenza dunha ambulancia, xa que o home refería unha forte dor nas costas que lle impedía a mobilidade. Os servizos sanitarios procederon a unha primeira asistencia e posterior traslado ao HULA.
Alarma en funcionamento
Ás 1’30 horas do xoves, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse a un establecemento sito na rúa San Roque, xa que, segundo chamada telefónica á Sala do 092, a alarma do local atopábase en funcionamento. Os axentes, en compañía doutro indicativo de Policía Nacional, comprobaron que non existía intrusión ou incendio que puidesen motivar a activación da citada alarma, polo que tentaron que se procedese ao seu apagado, aínda que non conseguiron contactar con ningunha empresa de seguridade que xestionase a mesma nin co titular do establecemento, polo que tiveron que recorrer ao Servizo de Bombeiros para a desactivación do aparello.

