Controis e intervencións de seguridade viaria entre o 16 e o 22 de xuño.

Dentro do traballo continuo que desenvolve a Policía Local de Lugo en materia de vixilancia viaria, durante a semana pasada realizáronse múltiples controis e actuacións dirixidas a preservar a seguridade da cidadanía, con especial atención á condución baixo os efectos do alcol e outras substancias, así como a comportamentos temerarios.
Accidente con condución sen permiso.
Ás 22:30 horas, aténdese un sinistro na confluencia da Rúa Marqués de Ombreiro con Rúa Música Falla, onde un turismo choca contra un edificio. No lugar atópase unha muller que inicialmente manifesta ser a condutora, aínda que varias testemuñas presenciais indican que foi un home quen conducía o vehículo e que tras o impacto cambiouse de asento con ela, marchándose a pé do lugar. Este home, posteriormente identificado, carecía de permiso de conducir en vigor por perda de vixencia xudicial. Cando é localizado, lanza resultados POSITIVOS en alcoholemia de 0,30 e 0,32 mg/l. Inícianse dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria.
Tres vehículos implicados nun accidente con alcoholemia penal
Ás 18:45 horas, na Avenida de Benigno Rivera, prodúcese un accidente por alcance múltiple. Un dos condutores implicados non respectou a distancia de seguridade, provocando unha colisión en cadea. Compróbase que o condutor responsable do sinistro circulaba cunha taxa de alcol de 0,69 e 0,65 mg/l, polo que se inician dilixencias penais por conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas.
Colisión con fuga e alcoholemia administrativa
Ás 23:40 horas localízase ao condutor dun vehículo implicado nunha colisión por manobra de marcha atrás na Rúa Illas Canarias, que abandonara o lugar do accidente. Ao ser localizado, lanza taxas de 0,37 e 0,36 mg/l, polo que se inicia expediente sancionador e informe de danos ocasionados.
Condución neglixente e alcoholemia positiva
Tras ser interceptado un condutor que presentaba síntomas evidentes de atoparse baixo a influencia do alcol, realízanselle as probas regulamentarias. O resultado lanza taxas de 0,53 e 0,45 mg/l. Denúnciase ao condutor e inmobilízase o vehículo.
Condución con presenza de Drogas (3 substancias)
Obsérvase un turismo que acaba de realizar unha manobra para estacionar indebidamente, por parte dos axente requírese ao condutor para coñecer do motivo e observan que presenta sintomatoloxía clara de consumir algún tipo de substancia estupefaciente, unha ver realizada a proba indiciaria de Drogas dá positivo en 3 substancias diferentes, cocaína (COC), THC e anfetaminas (AMP). Procédese a formular a correspondente denuncia por conducir con presenza de drogas no organismo e inmobilización do vehículo para evitar a súa condución.
Condución a velocidade excesiva e alcoholemia penal
Ás 05:15 horas na Avenida República Arxentina, detéctase un turismo circulando a velocidade notoriamente superior á xenérica. O condutor é interceptado na Rúa Salvador de Madariaga, lanzando taxas de 0,62 e 0,63 mg/l. Confecciónase o correspondente boletín de denuncia.
Accidente con fuga, alcoholemia positiva e positivo en drogas
Ás 05:05 horas localízase un vehículo de alta gama sen unha das súas rodas dianteiras tras chocar con varios vehículos estacionados. O condutor, que trataba de negar os feitos, é sometido a proba de alcoholemia con resultado de 0,48 e 0,45 mg/l, así como a test de drogas con resultado POSITIVO en cocaína. Iníciase o correspondente expediente por delito contra a seguridade viaria.
Detención por ameazas graves con arma branca a menores
Unha intervención urxente produciuse en Avda. Madrid tras a alerta de varios menores que foran ameazados por un home que blandía un coitelo. Grazas á rápida resposta policial, localizouse ao sospeitoso, quen escondía a arma baixa a chaqueta e lanzouna ao ser interceptado sendo detido. O coitelo, de 22 cm, foi recuperado e os menores confirmaron os feitos, achegando mesmo vídeos gravados durante o suceso. O detido foi posto ao dispor xudicial.
Desde a Xefatura da Policía Local de Lugo quérese recoñecer de forma expresa a profesionalidade e entrega dos axentes que interviñeron nos distintos dispositivos esta semana. Actuacións como a persecución fronte unha fuga ou a detención dun individuo armado evidencian a importancia de contar cunha Policía Local próxima e plenamente comprometida coa seguridade e o benestar da cidadanía.

