Poderán acceder, previa solicitude, transportes de material hospitalario, subministracións enerxéticas, material de construción para obras, montaxe de eventos e cargas indivisibles correctamente acreditadas.
A partir do vindeiro luns, porase á disposición dos profesionais un formulario co que será preciso acompañar cada unha das solicitudes de acceso excepcional que se trasladen á Administración local.
Unha vez entre en funcionamento o novo sistema, as persoas interesadss deberán cursar a petición cunha antelación mínima de 48 horas e será necesario presentar unha solicitude asinada por cada vehículo.
- Tema

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presidiu esta mañá unha Comisión de Tráfico para abordar, como único punto da sesión, as autorizacións excepcionais de acceso ao Centro Histórico de Lugo polas portas Bispo Odoario y rúa do Teatro. Na xuntanza estiveron presentes técnicos dos servizos municipais de Policía Local, Policía Urbana, Enxeñaría e Participación Cidadá alén da rexedora e os concelleiros de Mobilidade Urbana e Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas e Rubén Arroxo.
Na mesma se estableceu o procedemento que o Concello de Lugo empregará para tramitar, a partir deste próximo luns, 10 de xuño, a autorización de accesos excepcionais para vehículos de máis de 3.500 kg que deban acceder ao recinto amurallado EXCLUSIVAMENTE pola portas Bispo Odoario e rúa Teatro. Xa que desde que se publicou o Decreto que regula o acceso ao Centro Histórico a través da Muralla, o Concello SEMPRE indicou que a limitación de acceso para vehículos de máis de 3.500 kg se constrinxía unicamente a esas dúas portas: Bispo Odoario e rúa do Teatro. Para o resto de portas pódese seguir accedendo como xa se viña realizando.
De feito, a Ordenanza que está en vigor xa delimitaba a MMA en Centro Histórico en 5.500 kg e iso non variou de xeito que, os vehículos que excedían esa tonelaxe xa debían solicitar o permiso para acceder. Tampouco variaron os horarios establecidos para a distribución.
Porén, a partir do vindeiro luns, porase á disposición da cidadanía un formulario co que será preciso acompañar cada unha das solicitudes de acceso excepcional que se trasladen á Administración local pedindo autorización para entrar ao Centro Histórico polas portas Bispo Odoario e rúa do Teatro cando os vehículos excedan dos 3.500 kg de peso, en virtude do Decreto publicado no BOP o pasado 27 de maio suxeito ao Plan de Obra das peonalizacións intramurallas. Así mesmo, o servizo 010 de Atención Telefónica informará á persoa solicitante que dispón do formulario, tanto fisicamente, no Edificio Administrativo do Seminario, como telematicamente, na páxina web.
En canto as excepción fixadas, segundo o acordado na Comisión de Tráfico desta mañá, poderán dispoñer de autorización excepcional para acceder ao Centro Histórico polas portas Bispo Odoario e rúa do Teatro aqueles vehículos que, superando os 3.500 kg de peso, acrediten distribuír:
- Equipamentos ou material hospitalario.
- Subministracións enerxéticas.
- Material de construción para obras que dispoñan de licenza municipal.
- Servir de apoio e/ou traslado para a instalación e/ou montaxe de eventos nos que o Concello de Lugo teña a consideración de promotor ou colaborador.
- Cargas indivisibles (Neste caso será necesario achegar tamén declaración responsable asinada).
Unha vez entre en funcionamneto o novo sistema os interesados deberán cursar a petición cunha antelación mínima de 48 horas ao acceso solicitado e será necesario presentar unha solicitude asinada por cada vehículo que precise acceder nas condicións sinaladas. Igualmente, será preciso xuntar, como requisito imprescindible, declaración responsable asinada de que a empresa non dispón de ningún outro vehículo de inferior tonelaxe para prestar este servizo. Do mesmo xeito, será obrigatorio dispoñer do xustificante de ter presentado esta solicitude, así como da propia solicitude, no parabrisas do vehículo que acceda ao Centro Histórico, nun lugar visible, para que a Policía Local poida comprobar a veracidade dos datos que nel se recollen. Ante os supostos de non achegar a documentación sinalada ou de entregar o formulario incompleto a devandita solicitude considerarase deficiente e/ou non presentada.
O Concello entende que os cambios poidar xerar confusión ao inicio da súa implantación, máis o único obxectivo que se persegue, de maneira permanente, coas medidas que se implantan, é permitir e facilitar a conciliación de todas as necesidades de todos os colectivos que conviven no Centro Histórico, pero é preciso que eses usos sexan tamén compatibles coa necesidade de avanzar na execución das obras.
A Administración local recorda que cómpre ser coherentes e se ao que se urxe é a que as intervencións rematen canto antes, resulta imperativo facilitar, coas restricións imprescindibles, que se poidan facer os traballos en condicións de seguridade para todos e todas, tamén no que ten que ver coa conservación das actuacións xa executadas.
O Concello recorda que en moitos dos centros históricos de Galicia, como é o caso de Pontevedra ou Santiago actualmente, aínda sen estar implantadas as zonas de baixas emisións, hai unha limitación de acceso a vehículos de tonelaxe superior aos 3.500 kg e os horarios de carga e descarga nas zonas sensibles presenta un rango inferior de horas de actividade e están acotadas en tempo de parada máximas de entre 15 e 30 minutos en moitos casos, algo que non sucede en Lugo.
O Goberno local sinala así mesmo que, ata agora, a campaña levada acabo polo Concello foi eminentemente informativa xa que, dende a publicación do Decreto, a Policía local só levantou unha sanción por exceso de tonelaxe.
Non se sustenta o argumento de que existe unha persecución contra a distribución, tendo en conta que no que vai de ano so se contabilizan tres sancións no Centro Histórico a tres vehículos, un deles de 26.000 kg por non solicitar autorización de paso e os outros dous por realizar tarefas de carga e descarga fóra do horario establecido.
Finalmente, desde o executivo lcoal laméntase as molestias que as obras ocasionan a todas as persoas usuarias do recinto amurallado: centros educativos e sanitarios, comercio, hostalaría, residentes e viandantes en xeral, mais incide en que TODAS AS MEDIDAS que se adoptan son para tratar de que as empresas adxudicatarias poidan acelerar o ritmo dos traballos ao tempo que considera que as devanditas medidas, aínda que a dificulten, non impiden a subministración aos establecementos do Centro Histórico.

